Galicia, un relato no mundo: algunhas pezas destacadas

Galicia, un relato no mundo estrutúrase arredor dos mitos, as historias, as memorias e as vidas dos galegos e galegas en diferentes épocas e contextos xeográficos.

Dos mitos fundacionais de Galicia ao florecemento da lírica medieval, desde Irlanda ata Roma, destacamos tan só algunhas das máis de 300 pezas que conforman o relato imprescindible desta exposición[*]:

Biblia Kennicott | The Bodleian Libraries - University of Oxford

A Biblia Kennicott é recoñecida como unha obra mestra da iluminación medieval, un dos manuscritos hebreos máis valiosos da Historia e a testemuña máis importante da presenza xudía en Galicia. Rematouse na Coruña o 24 de xullo de 1476 (o ano 5236 da Creación, no cómputo xudeu). Foi un encargo dun importante comerciante da cidade, Don Isaac, fillo de Salomón de Braga. Isaac e a súa familia tiveron que marchar da Coruña entre 1492–1493 por mor do decreto de expulsión dos xudeus promulgado polos Reis Católicos e moi posiblemente levaron a Biblia con eles.

O libro seguiu un azaroso camiño por Portugal, o norte de África e Xibraltar e durante 300 anos estivo desaparecida. En 1771,  Benjamin Kennicott, responsable da Biblioteca Radcliffe da Universidade de Oxford, xestionou a súa adquisición para os fondos da institución. En 1872 a Biblia sería transferida ás Bibliotecas Bodleian, tamén da Universidade de Oxford, onde continúa ata hoxe que, 500 anos despois do exilio dos seus propietarios, volverá a Galicia para ser exhibida no Museo Centro Gaiás, ao carón doutras obras senlleiras cun importante valor simbólico para a cultura e historia de Galicia. Numerosos colectivos e voces teñen solicitado ao longo destes anos a exposición en Galicia desta obra universal.

A Biblia é un magnífico expoñente da confluencia artística na España do século XV das tradicións artísticas musulmás, hebreas e cristiás. Dun extraordinario valor histórico e artístico, é tamén a mellor testemuña da presenza xudía na Baixa Idade Media en Galicia, a onde volve máis de cincocentos anos despois de saír da Coruña no século XV.

Santa, de Francisco Asorey | Casa de Galicia en Montevideo

A Santa, escultura en madeira policromada de Francisco Asorey, é unha das pezas máis destacadas do traballo do escultor cambadés e tamén dunha das obras de arte galegas máis significativas e controvertidas do século pasado, polo potente e provocador simbolismo co que representou a muller galega, rachando cos códigos estéticos vixentes naquel tempo.

Foi presentada en 1926 na Exposición Nacional de Bellas Artes en Madrid, onde Asorey levaría a primeira medalla da exposición con outra obra, San Francisco. A Santa, pola súa banda, provocou gran sorpresa pola súa representación dunha labrega galega espida, portando un xugo de vacas e moi afastada da figura feminina idealizada predominante no momento. A obra causou un amplo debate na prensa arredor da representación do corpo da muller e da lectura política da obra, que se asociou aos esforzos da muller labrega galega, pero que tamén se entendeu como un símbolo da situación da Galicia da época. Anos despois, nunha entrevista á prensa en 1956, Francisco Asorey consideraría esta escultura como a obra da que se atopaba “máis satisfeito”.

A Santa foi adquirida pola Casa de Galicia de Montevideo (Uruguai) e partiu de Vigo para América en 1951, sendo testemuña imprescindible do valioso e amplo patrimonio cultural galego do século XX preservado nos centros e sociedades galegas de América, e unha mostra do interese da diáspora pola cultura de Galicia.

O Libro das Invasións (The Book Of Leinster) | Trinity College, Dublín

[1ª vez en Galicia]

Nos mitos fundacionais da identidade de Galicia, a idea de viaxe é fundamental. Trala chegada ou partida de famosos personaxes mitolóxicos está o propósito de prestixiar o territorio, os seus habitantes e gobernantes. Ao longo da fachada atlántica forxáronse historias sobre un pobo de conquistadores que navegaban de ribeira en ribeira, uns relatos que conectan Galicia e as Illas Británicas.

O Lebor Gabála Érenn, ou Libro das Invasións, é parte do  Libro de Leinster, unha das principais compilacións da literatura medieval irlandesa. Trátase da obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o líder mítico cuxo fillo Ith avistou Irlanda por primeira vez desde o Faro de Brigantium. Séculos despois, no XIX, a través do traballo do historiador Manuel Murguía a lenda de Breogán incorporaríase á tradición cultural e identitaria de Galicia, que no propio Himno se convertiría no Fogar de Breogán.

Custodiado polo Trinity College de Dublín, o Libro das Invasións sairá por vez primeira de Irlanda para ser exposto en Galicia, un relato no mundo. Foi producido entre os séculos XII e XIII polo abade Áed Ua Crimthainn no mosteiro de Tír-Dá-Glas (Tipperary, Irlanda). Reúne fontes mitolóxicas, bíblicas e de autores cristiáns para dar conta das invasións de Irlanda por diferentes pobos, os últimos dos cales serían os milesios, procedentes da cidade galega de Brigantia. Entre as fontes máis importantes do Libro das Invasións está o historiador Paulo Orosio, oriundo de Braga, que no século V describe o vínculo entre Irlanda e Brigantia.

[Lebor Gabála Érenn, “Book of Leinster”. (Libro das Invasións / Libro de las invasiones). S. XII. TCD MS 1339. 38 x 28,5 cm. By permission of The Board of Trinity College. Dublin]

Mapa de Sawley | Cambridge University-Parker Library

[1ª vez en Galicia]

[Mapa Imago Mundi de Honorius de Autum (Mapa de Sawley). Editado por Henry de Mainz, s XII. The Parker Library, Corpus Christi College, Cambridge]

Mapa de Sawley revela o coñecemento do reino de Galicia en Europa no século XII, durante a coñecida como "Era Compostelana", un período de especial florecemento cultural, económico e institucional do reino. Datado cara 1190, contemporáneo do Pórtico da Gloria, o mapa sitúa a catedral de Santiago coma o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa nun tamaño incluso maior que a Basílica de San Pedro de Roma.

É un dos primeiros mapa mundi europeos e está considerado o mapa enciclopédico máis antigo conservado das Illas Británicas. Os mapas enciclopédicos son una síntese de saber pois non só colocan representacións xeográficas, senón os outros saberes do seu tempo: históricos, bíblicos e lendarios. Foi descuberto na biblioteca da abadía de Sawley, un mosteiro cisterciense de Yorkshire, e esta será a primeira vez que se exporá en Galicia.

Liber Sancti Iacobi (Códice Calixtino) | Biblioteca Apostólica Vaticana e Biblioteca General Histórica (Salamanca)

No s. XII realizáronse en Compostela diversas reproducións do Códice Calixtino co ánimo de propagar por toda Europa o culto e a peregrinación a Santiago, chegando a importantes centros de culto e intelectuais da época ao longo do continente. O propio Liber Sancti Iacobi foi escrito coa vocación de prestixiar e conectar Compostela e Galicia co resto de Europa, creando a lenda da aparición de Santiago ao emperador Carlomagno, a figura con máis renome da Europa medieval, e a súa chegada a Compostela.

Os Liber Sancti Iacobi do Vaticano e de Salamanca –que toman como modelo o códice compostelán– inclúen miniaturas recollendo a escena do encontro entre Santiago e o emperador, contribuíndo á difusión da lenda por todo o continente. Son dous dos tres únicos códices calixtinos iluminados –ademais do orixinal de Santiago de Compostela– e permiten observar detalles gráficos perdidos no orixinal compostelán, como é o propio rostro do emperador Carlomagno.

  • Liber Sancti Iacobi. S. XII. Archivio San Pietro c. 128. Città del Vaticano, Biblioteca Apostólica Vaticana
  • Liber Sancti Iacobi (Codex Calixtinus). Siglo XIV (ca.1325). Universidad de Salamanca. Biblioteca General Histórica.

Cancioneiro da Vaticana | Biblioteca Apostólica Vaticana

[1ª vez en Galicia]

O Cancioneiro da Vaticana é, xunto co Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Portugal, un dos corpus nos que se garda a lírica galego portuguesa medieval, nacida nunha época de especial esplendor cultural, económico e político da Era Compostelá no século XII. Trátase dunha obra cun excepcional valor simbólico para a nosa cultura –que se exporá en Galicia por vez primeira– pero tamén central na tradición literaria de Europa. A lírica galego portuguesa, xunto coa poesía na lingua de oc (Occitania) e de oïl (norte de Francia), foron as primeiras expresións literarias en lingua romance do continente.

Trátase dunha colección monumental de 1.200 cantigas copiadas en Italia a finais do século XV e principios do XVI por orde do humanista italiano Angelo Colocci, copias realizadas a partir dos orixinais, hoxe desaparecidos. Nel figuran os nomes máis emblemáticos da tradición literaria galego portuguesa medieval: os reis Afonso X O Sabio, Don Dinís, Paio Gomes Chariño, Afonso Eanes do Cotón, Pero da Ponte, Meendinho ou Airas Nunes, entre moitos outros.

Bandeira sinxela do Tercio de Galegos de Buenos Aires| Museo Marítimo Ingeniero Cerviño da Escola Nacional de Náutica Manuel Belgrano

Esta peza, de enorme valor simbólico e histórico, está vinculada ao nacemento da unidade de infantería formada por seiscentos voluntarios galegos residentes en Buenos Aires que participou na resistencia da cidade durante a invasión inglesa de 1807. O Tercio de Galegos, formado e dirixido polo enxeñeiro de Campo Lameiro Pedro Antonio Cerviño, foi un dos corpos máis distinguidos na defensa da capital arxentina.  

A bandeira –que representa o escudo de Galicia bordado en fíos de ouro e prata por unha cara e da cidade de Buenos Aires pola outra– está vinculada directamente aos acontecementos que desencadearán posteriormente a formación da República Arxentina e supón unha das primeiras testemuñas materiais da unión dos galegos en América.

Codex Aretinus, o Itinerario de Exeria | Biblioteca de Arezzo (Italia)

[1ª vez en Galicia]

A Gallaecia do final do Imperio Romano foi un territorio moi dinámico. As elites teceron unha rede de contactos con todo o Imperio e documéntase unha activa participación no intenso circuíto comercial que conectaba o Mediterráneo oriental co norte de Europa. Exeria, aristócrata galaicorromana, é a primeira escritora coñecida da Península Ibérica e representante do conxunto escaso de mulleres da Antigüidade tardía que emprenderon a peregrinación de Occidente a Oriente movidas pola piedade e a curiosidade de coñecer os escenarios da Biblia.

O manuscrito do Itinerario de Exeria forma parte do Codex Aretinus 405, descuberto en 1884 por Gian Francesco Gamburrini na Biblioteca de Arezzo. O texto foi transcrito no século XII, posiblemente no mosteiro de Monte Cassino, a partir dun manuscrito anterior. Desde o século XIX, o Itinerario da virxe Exeria foi obxecto de numerosas edicións e traducións en todo o mundo, sendo unha das fontes máis valiosas para coñecer a espiritualidade da Antigüidade tardía e o papel da muller nese tempo.

[Peregrinato Egeriae, (O Itinerario de Exeria). Manuscrito. S.XI. Biblioteca Comunale di Arezzo

Guerreiro de Lesenho | Museu Nacional de Arqueologia de Portugal

Peza central para entender a Idade do Ferro no noroeste da Península Ibérica, grazas á súa riqueza iconográfica. Desempeñará unha función nodal na exposición como clave para contextualizar diferentes obxectos arqueolóxicos que amosan conexións formais, culturais ou tecnolóxicas en relación con outros pobos da Idade do Ferro e tamén para relatar os primeiros encontros entre os pobos galaicos e o imperio romano, a través da iconografía da caetra.

Nas estatuas de guerreiros galaicos, a caetra, o escudo, é o elemento da panoplia máis visible e relevante e sempre se representa de maneira frontal. Será este o primeiro símbolo do noroeste peninsular, singularizado como tal, que represente visualmente ao noroeste de Iberia en Roma, no corazón do Imperio, nos primeiros tempos da conquista relatando os primeiros encontros entre os pobos galaicos e o imperio romano.

[Estatua de Guerreiro Galaico. 173 x 54 x 30 cm. Granito. Museu Nacional de Arqueologia. Lisboa. Portugal]

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h