Educando a mirada. Leccións de arte e deseño

A creación de escolas de debuxo a partir de finais do século XVIII foi un fenómeno común a toda Europa. Estas escolas contribuíron non só á formación de artistas e obreiros, senón tamén á formación integral e harmónica dos individuos, educando a mirada e espertando neles un sentido estético.

Con motivo do Día Internacional dos Arquivos, abrimos ao público unha exposición única que pon en valor o papel transformador do ensino artístico en Santiago de Compostela entre os séculos XIX e XX. A mostra convida a mergullarse na actividade da Real Sociedade Económica de Amigos do País e da Escola de Artes e Oficios, dúas institucións comprometidas coa formación de artistas e artesáns nun momento clave para a cidade.

A través de 85 documentos orixinais, comprendidos entre os anos 1826 e 1950 —láminas, gravados, publicacións, copias en xeso e exercicios escolares— e distribuídos en 12 vitrinas, descubrimos como o debuxo linear, o estudo da figura humana, o deseño arquitectónico e mesmo o industrial foron ferramentas fundamentais para educar a mirada, cultivar o gusto e preparar profesionais creativos para un mundo en transformación.

Esta exposición ofrece unha oportunidade única para coñecer os métodos pedagóxicos, os materiais empregados (moitos deles doados por docentes e estudantes) e os vínculos entre educación, creación e inserción laboral, nun contexto marcado polas ideas ilustradas e a revolución industrial.

A formación artística, máis alá de ensinar a reproducir formas, aspiraba a formar persoas sensibles, conscientes e preparadas para contribuír ao ben común. Un legado que hoxe continúa a inspirarnos.