Clásicas Desfeitas vol. 6 | «As dúas marxes de Antígona»

O ciclo Clásicas Desfeitas comeza en 2023 tomando a figura da Antígona de Sófocles como punto de partida para reflexionar, desde o presente, sobre a lei, a transgresión e a xustiza. O director artístico de El Mura, Iván Solarich, reúne un elenco internacional formado por artistas de Galicia, Portugal e Uruguai para dar forma a esta renovada versión da traxedia grega dentro das Residencias Artísticas do Gaiás – REGA23.

As dúas marxes de Antígona empregará como escenario a Sala Eisenman da Cidade da Cultura para darse a coñecer en dúas funcións os días 17 e 18 de marzo de 2023. As entradas poden adquirirse a un prezo de 9€ en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

 

Sinopse

Antígona é historia, litixio, muller.

Antígona memoria, Antígona cuestiona.

Antígona representa un pasado moi afastado, e á súa vez interpela un presente ardente.

Antígona desafía a lei, contrapón a orde cívica ao divino, a liberdade individual ás leis do Estado, a muller sometida á empoderada. Fala de autocracia, democracia e de xénero. De xustiza e de ética. Fala de nós en pleno século XXI. Dunha ardente contemporaneidade: esa é a súa potencia, o mandato da súa renovada lectura. E o teatro, arte maiúscula do presente, convoca a actrices de dúas beiras para que Antígona teña a posibilidade de vibrar desde as propias historias destas mulleres de hoxe.

En momentos que unha nova conflagración planetaria ameaza, e que discursos mesiánicos e cheos de odio adquiren a vontade dalgunhas multitudes; a presenza, palabra e o xesto de novas «Antígonas», quizais se poidan converter nalgo belo e necesario. Ou imprescindible, talvez. O Un diálogo transversal de saberes teatrais e conxunturas persoais entre América e Europa, un intercambio fecundo que desde o xénero interpela ao poder.

Cun océano que nos separa, e un proxecto teatral que nos reúne, As dúas marxes de Antígona convértese nunha brutal provocación que permite contar historias de hoxe. Historias do noso tempo. Historias de mulleres. Palabras descoñecidas.

 

Iván Solarich

Iván SolarichDirector artístico de El Mura (Uruguai). Egresado da Escuela de Arte Dramático ICTUS en 1981, baixo a dirección de Eduardo Schinca e Roberto Jones. Actuou en decenas de espectáculos entre eles varios unipersoais, baixo a condución de directores uruguaios como Nelly Goitiño, Alberto Rivero, Marcelino Duffau, María Dodera, Mariana Percovich, Santiago Sanguinetti e Cecilia Caballero, entre outros. E internacionais como Lars Göran Carlson (Suecia), Carlos Riboty (Perú), Alexander Stillmark (Alemaña), Nina Reglero e Fran Nuñez (España).

Fundador dos grupos Teatro La Comuna (1983-1993), e tamén de Trenes & Lunas (1993-2005). De salas Puerto Luna (1996-2003), e El Mura del Mercado Agrícola de Montevideo (MAM, 2014-2015). Director Artístico do Festival Internacional de Artes Escénicas (FIDAE, MEC, 2010-2014), e do 1º Mercado de las Artes de Uruguay (MAU, MEC), celebrado en 2012.

Foi director de case unha vintena de espectáculos e na actualidade ensaia Kafka, da uruguaia Sandra Massera, para estrear en 2023 cun elenco de Ciclón Teatro.

A partir de 2009 iníciase como autor dramático, incursionando na autoficción: Comunismo Cromagnon, Pogled, El vuelo, e No hay flores en Estambul, estreadas no Galpón e El Mura do MAM, respectivamente, e as dúas últimas no Festival de La Habana. E en co-autoría co seu fillo Mariano: Inmarcesible e Verona, cidade de amor e furia.