BRUTALISMO. Unha danza para concerto

Onde comeza un concerto e remata unha danza? 

BRUTALISMO é o último traballo musical de Isabel Do Diego. Un proxecto co que pecha sete anos de investigación e experimentación entre o folclore e a electrónica, e que estrea a súa versión en vivo o sábado 17 de outubro na Cidade da Cultura.

Concibido primeiro como un EP con seis temas orixinais, Isabel Do Diego consegue en BRUTALISMO. Unha danza para concerto, que do baile naza unha electrónica relucente e minimalista, acompañada dunha voz mutante e etérea, onde ambas parecen despregarse máis aló do espazo. Unha experiencia na que o corpo, como ser vivo, é a ponte necesaria para que brote a música.

Catro novos instrumentos: PILARES · VIGA · CORVA · VELETA, aceiro cromado e madeira virxe conectados a software, traducen a música o movemento. Unha exploración das prácticas máis atávicas e atemporais do folclore como forma de expresión e celebración humanas. O corpo como instrumento total para encarnar a música da maneira máis directa e rotunda.

O EP Brutalismo foi elaborado en Santiago de Compostela durante as Residencias Paraíso 2025 do Colectivo RPM, entre os espazos da Cidade da Cultura (a través do programa de Residencias Artísticas do Gaiás - REGA), e do Salón Teatro (Centro Dramático Galego). 

O quejío electrónico de Isabel Do Diego

Isabel Do Diego –alter ego do artista andaluz Juan Diego Calzada– desenvolve, no seu traballo musical e escénico, un folclore austero, brutalista e sacralizado. O seu quejío electrónico abre un corpo á fuga que traza unha nova perspectiva sobre o folclore andaluz. A súa música é unha prótese folclórica que transcende os espazos que a carne non pode habitar. Un ser híbrido. Un corpo que, na escena, camiña entre o humano, o animal e o espiritual.

Isabel Do Diego habita un universo escénico de berros e susurros, de melodías tradicionais xunto a sonoridades quebradas, de ecos rurais e industriais. E moitos beats, samplers e sintetizadores. O seu canto e baile son monstruosos e de electrónica sacralizada. Un trampantollo escénico que, como alegoría, non é racional nin clasificable, senón que mostra o misterio que gardamos baixo a pel en forma de cerimonia musical.