Casares: arte e pensamento para Galicia

A Biblioteca e Arquivo de Galicia celebra o Día das Letras Galegas 2017 cunha mostra sobre a vida e obra do homenaxeado deste ano: Carlos Casares.

Conformada por preto de 50 pezas –algunhas delas, primeiras edicións das súas obras– a exposición realiza un percorrido pola produción de Casares. Libros, audiovisuais e carteis dos fondos da Biblioteca de Galicia, algúns deles procedentes da biblioteca persoal do escritor depositada en comodato na Biblioteca de Galicia, forman parte deste proxecto expositivo, que se pode ver no Gaiás ata o próximo 10 de xuño.

Nela, o visitante terá ocasión de se achegar ás distintas facetas do escritor, que van desde a de autor literario, á de intelectual que se preocupou por divulgar os autores galegos históricos, pasando pola súa faceta vinculada ao desenvolvemento da literatura infantil e xuvenil, un xénero que iniciaron os da súa xeración en lingua galega. Nesta sección ten unha presenza importante O principiño, que traduciu para o galego e do que foi coleccionista.

Tamén está presente na mostra a súa vertente de columnista e colaborador nos medios, un aspecto que lle deu unha enorme presenza e afecto social, xunto coa faceta da proxección internacional e das traducións, xa que Casares viu algunhas das súas obras traducidas a diversas linguas, entre elas, ao castelán, ao italiano, ao bretón, ao catalán e mesmo en bable, entre outras. Están tamén as traducións doutras obras para o galego que el mesmo asumiu, como a derradeira novela do seu amigo Torrente Ballester. Xa na sección final, a mostra inclúe unha pequena selección de documentación de homenaxe tras a súa morte.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h