A exposición Botamos un baile? Un século de orquestras de verbena en Galicia fai un repaso a un tema con fonda pegada na sociedade galega, pero pouco analizado académicamente: un percorrido pola evolución das orquestras de verbena dende os anos 20-30 ata o 2020. Así, contempla dende as orixes destas agrupacións nas primeiras décadas do século XX a partir das bandas de música tradicionais, ata converterse en grandes espectáculos e mesmo chegando a reinventarse para captar á xuventude e adaptarse aos novos tempos.
Esta exposición, que agora viaxa a Ribadavia en formato de rúa, con 3 paneis e 5 bancos, nace dunha mostra que se realizou na Biblioteca de Galicia, cos seus propios fondos, no 2023, enmarcándose, así, dentro das itinerancias expositivas da Cidade da Cultura. Previamente xa pasou por Ponteareas. A mostra baseouse nun estudo da Universidade de Santiago titulado Do palco ao escenario, coordinado por Xaime Fandiño e do que son partícipes Zósimo López e Henrique Neira, comisarios desta exposición.
A historia das orquestras de verbena en Galicia
As verbenas galegas adquiriron carácter propio nas primeiras décadas do século XX. Viron como as gaitas do país e as bandas de música incorporaron músicas bailables importadas de América coma o charlestón, o fox-trot, o jazz ou o tango pola emigración masiva desde Galicia a países como Cuba ou Arxentina. Pouco a pouco, integrantes de bandas de música constituíron en Galicia e nos países destino da emigración agrupacións especializadas en música bailable moderna, co nome de jazz bands ou orquestras.
Nos anos 40 comezan a aparecer as verbenas. Ao remate da Guerra en 1939, retómanse as festas que estiveran prohibidas e empezan a proliferar as verbenas nos barrios. Os anos 80 foron moi prolíficos para as orquestras, sobre todo a finais da década coa aparición da Radio Galega e a Televisión de Galicia, que supuxeron grandes plataformas para elas.
Os 90 supoñen un momento de crise, coas orquestras pouco valoradas pola xuventude, a aparición de macroconcertos (Xacobeo 93) e as salas de festas convertidas en discotecas. A situación obriga a facer grandes investimentos en tecnoloxía e aparecen os tráilers-escenario, centrándose máis no espectáculo Entre o 2012 e 2019 as orquestras souberon reinventarse e xurdiron, como se mostra a través da cartelería, as festas da xuventude, onde as orquestras adaptaron os seus repertorios e evolucionaron nos seus ritmos.
O último panel alude ao 2020 coa crise producida pola pandemia no sector cultural e a aparición posterior de novas propostas musicais que incorporan a estética, os repertorios, e todo aquilo que rodea á verbena galega como parte da identidade propia de Galicia













