Barreiro. O silencio que chove luz na xanela

O Museo Centro Gaiás recolle unha selección de pinturas e debuxos de José María Barreiro nunha exposición coa que se rende homenaxe ao pintor de Forcarei, continuador da renovación do vangardismo histórico.

A mostra céntrase na obra de Barreiro nos últimos 60 anos (1963-2023) cun percorrido que nos leva polos distintos lugares da súa vida. Barreiro, o silencio que chove luz na xanela debe o seu título a un texto de Lugrís dedicado ao artista, e que deixa constancia da importancia que teñen tamén os textos na sala, con poemas de Oroza e escritos de Cunqueiro, Laxeiro e José Hierro. Para completar a visión sobre a figura do autor, a exposición conta con varias esculturas e documentos que fan referencia á súa vida e círculo de amizades: Lugrís, Oroza, Laxeiro...Ademais pódese visionar contido audiovisual, cunha entrevista ao propio artista que narra a súa traxectoria en primeira persoa.

A mostra está comisariada por Pilar Corredoira, historiadora da Arte, e Xosé Antón Castro, doutor en Historia da Arte. Ambos os dous estruturaron a exposición fundindo diacronía e sincronía, tendo en conta os lugares da vida do artista (Pontevedra, Madrid, París, Vigo, Buenos Aires e Santa María de Cela) e coa pretensión de achegarse ao Barreiro máis íntimo e humano percorrendo os temas da súa obra.

Sobre a exposición

A exposición supón un relato pictórico tendo en conta os lugares da súa vida (Pontevedra, Madrid, París, Vigo, Buenos Aires e Santa María de Cela). Trata de mostrar a obra de Barreiro a través do tempo, máis de medio século (sesenta anos de traballo) pero tamén rompendo esa idea de evolución no tempo e mostrando as transformacións no presente.

A mostra quere evocar a actualidade da súa obra, reconsiderando a totalidade do seu proxecto pictórico abarcado dende os seus numerosos temas. Temas que falan de recordos, desnudos femininos, gaiteiros, músicos e instrumentos musicais (violinistas, acordeonistas, guitarristas) concertos, margaridas, flores de toxo, vaixelas, naturezas mortas…

Na súa obra tamén se atopan amplas atmosferas como interiores de café ou monumentos, o silencio do seu taller, aquelo que está detrás da xanela (a súa icona máis destacada) convertido en embarcación, illa ou mar aberto, montaña ou sorprendente solpor.Tendo en conta a súa grande amizade con dous dos grandes creadores que tivo Galicia, Urbano Lugrís e o poeta Carlos Oroza, José María Barreiro réndelles homenaxe expoñendo as colaboracións pictóricas cos dous e integrando os seus textos na exposición.

Sobre José María Barreiro

 

José María Barreiro (Forcarei, Pontevedra, 1940) é un pintor continuador da renovación do vangardismo histórico. Segue unha liña que vai desde determinadas variables da gran tradición da pintura xerada na clásica École de Paris ata unha linguaxe que pon de manifesto na fogueira cromática dos seus cadros. O artista rende culto á cor por enriba de todo, esencialmente cálida.

 

Barreiro reivindica coa súa obra, dende os seus inicios, o pracer recuperado da pintura, de raíz matissiana e expresionista, referencias que nutrirán o seu proxecto pictórico máis decisivo, o que se consolida a partir dos anos setenta. Segue unha interpretación libre do expresionismo xerado en Galicia.

Na súa iconografía fetiche aparece a simbólica e enigmática xanela, centro de tantas das súas composicións que funde o interior e o exterior dos seus cadros. A xanela convértese nunha identidade que marca o ritmo poético do seu relato pintado, ao que o seu amigo Urbano Lugrís dedica un poema.