Baldomero Pestana, a verdade entre as mans

Baldomero Pestana, a verdade entre as mans rescata e pon en valor a un autor descoñecido, a pesar da súa altísima calidade, e que representa un dos nomes máis relevantes da fotografía hispanoamericana do século XX.

Unha situación xerada, en parte, por tratarse dun fotógrafo que non se deu importancia, o que non significa que carecese de conciencia artística, xa que foi este talento o que o situou como o gran retratista da Xeración dos 50 –na súa etapa en Perú– ou como o autor dunha fotografía de denuncia con personaxes da rúa, á altura dos grandes mestres do movemento.

A mostra, que xorde a través dunha nova colaboración da Fundación Cidade da Cultura co Instituto Cervantes, supón a maior e máis completa exposición de Pestana realizada até o momento, cun total 150 fotografías e documentos referentes á traxectoria profesional do artista (revistas Life, Times ou Squire, etc.), así como obxectos persoais. Todos eles enriquecerán o percorrido expositivo revelándonos a vida e a obra do fotógrafo, que forma parte non só da memoria e patrimonio cultural de Galicia, senón do resto de España e de países como Perú e Francia, onde traballou.

Baldomero Pestana é un galego froito da emigración, que regresa á súa terra ao final dos seus días e deixa o seu legado –17.000 negativos, moitos deles inéditos– en Galicia, que na práctica unicamente o viu nacer. Un legado que reflicte á perfección a súa vida e o seu traballo, do que se debe enxalzar o compoñente social das súas fotografías que o achegan á vertente máis humanista –o seu traballo en Perú– e á vertente máis intelectual dunha das épocas máis simbólicas e de relevancia literaria e cultural como son: o París da década dos 60 do pasado século co coñecido ‘boom latinoamericano’; a eclosión do jazz; ou o nacemento da chamada contracultura. Na súa obra conviven a calidade coa popularidade no seu senso máis rico e estimulante.

Con esta exposición faise un percorrido polo mundo de Baldomero Pestana, centrándose no seu labor como gran retratista de escritores, artistas e intelectuais que retrataba por admiración e polos que nunca quixo cobrar: Adolfo Bioy Casares, Gabriel García Márquez, Man Ray, Pablo Neruda, Mario Vargas Llosa...

E inclúese, ademais, as súas fotografías de paisaxe e ambiente humano, xa que ademais de gran retratista, hai que destacar o seu traballo de fotorreporteiro publicando nas mellores revistas de Perú e traballando para UNICEF para quen realiza uns encargos de enorme sensibilidade nas zonas máis pobres do país andino.

Recupérase para esta exposición non só a arte de Baldomero Pestana, senón unha vida chega de curiosidade e admiración polos protagonistas culturais da época, os que se achegou para retratalos e establecendo amizade con algúns deles. Ademais, este proxecto expositivo coincide e conmemora o centenario do nacemento do fotógrafo.

  • Máis de 10.000 visitas no Instituto Cervantes de Madrid

Alterando a orde habitual de itinerancia, a exposición arrincou na sede central do Instituto Cervantes, en Madrid, no mes de febreiro (do 15 de febreiro ao 8 de abril de 2018), onde recibiu máis de 10.000 visitas.

O 30 de de abril chega á Cidade da Cultura de Galicia onde permanecerá ata  2 de setembro. Finalizada esta, iniciarase unha itinerancia por diversos centros do Instituto Cervantes, comezando polo de París, onde se exhibirá entre o 8 de novembro e o 31 de xaneiro de 2019.

  • Proxección A imaxe Reb/velada | 1 de setembro

Baldomero Pestana, a verdade entre as mans inclúe a proxección a véspera da clausura, o 1 de setembro, do documental inédito sobre o autor, A imaxe reb/velada, dirixido por Andrea Vázquez García e producido por Miramemira e que se gravou durante os últimos anos de vida do fotógrafo, despois do seu regreso a Galicia. Na proxección, ás 18.30 horas, estará presente a directora do mesmo que presentará aos asistentes esta peza audiovisual única e que supón toda unha radiografía da vida e obra deste irrepetible artista polifacético feito así mesmo.





 
Exposicións
 
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h