Que permanece cando remata a celebración? Que sons perduran nos lugares abandonados de celebración comunitaria? Arqueoloxía da festa é unha instalación multimodal que rastrea os sedimentos acústicos dun campo da festa abandonado en Portomouro (Val do Dubra), na Galicia rural. Usando o son como a ferramenta arqueolóxica principal, xunto con documentación visual e historias orais recollidas dos residentes, o proxecto revela como as paisaxes gardan pegadas temporais, capas nas que a celebración se enreda e interactúa co mundo máis que humano e suxire que o abandono non é ausencia, senón transformación.
A proposta, que pode visitarse no andar 0 do Museo Gaiás ata o 23 de novembro de 2025, xorde da colaboración entre a artista sonora Matilde Meireles e o antropólogo Iñigo Sánchez-Fuarros no marco das Residencias Incipit-CSIC de creación e investigación artística, iniciativa do Instituto de Ciencias do Patrimonio e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia.
O xoves 23 de outubro ás 17:00 h haberá unha visita comentada especial, de balde, cos creadores da instalación. Para asistir tan só é necesario reservar praza na columna da dereita.
A Instalación
Dentro de Arqueoloxía da festa, o audio de catro canles rodea as persoas visitantes, movéndose entre cantos de paxaros, ruído de coches, auga corrente, texturas abstractas capturadas por micrófonos de contacto contra o formigón, movementos baixo a superficie da terra e da auga gravados con xeófonos e hidrófonos, e incluso un detector de morcegos que puxo son ao silencioso voar destes animais. Antenas VLF e sensores captaron, ademais, unha multitude de sinais electromagnéticos que se transformaron en frases rítmicas, mentres o vento sobre o metal deu forma a un zunido suave en evolución.
Na imaxe, un bucle de vídeo xerado por escaneo LiDAR (tecnoloxía de detección remota que revela a estrutura tridimensional do lugar a través de pulsos láser) fai visible lentamente o espazo de Portomouro, mapeando a xeometría precisa da decadencia e da transformación. O vídeo tamén documenta a transformación do lugar ao longo dun ano de observación, e como as forzas non humanas (vexetación, fungos, inundacións estacionais) remodelan os límites entre o espazo construído e o natural.
Unha pequena mostra de artefactos físicos recuperados do lugar, como vellas botellas de refrescos e cervexa ou anacos de tela e plástico, resoan como pegadas de celebracións pasadas, e formas de almacenamento de memoria.
Arqueoloxía da festa representa un dos resultados do proxecto PALCOS: Cultura material e festa na paisaxe rururbana galega, investigación financiada pola Axencia Galega de Innovación que indagou na cultura material das festas patronais galegas e que finaliza este mes de outubro o seu percorrido.
Sobre os autores
Matilde Meireles é unha artista sonora portuguesa que investiga o potencial da escoita a través de diferentes espectros e escalas como formas de sintonizar con ecosistemas e articular experiencias plurais do mundo. Algúns exemplos do seu traballo inclúen as arquitecturas internas das canivelas e as complexas ecoloxías acuáticas, as resonancias en obxectos cotiáns, os barrios locais e a arquitectura dos sinais de radio.
O seu traballo é de natureza experimental e adoita situarse entre a música ambiental, a gravación de campo, a música drone e a improvisación. A súa obra aparece regularmente en destacados festivais de música e exposicións en galerías, así como en prensa e radio internacional, incluíndo The Wire, A Closer Listen, Resonance FM, BBC Radio 3 e RAI3.
Iñigo Sánchez-Fuarros é antropólogo e investigador no Incipt-CSIC en Santiago de Compostela. O seu traballo aborda as interseccións entre cultura expresiva, turismo, materialidade e procesos de patrimonialización, distinguíndose por unha aproximación que combina metodoloxías etnográficas coa creación fotográfica e audiovisual como ferramentas de investigación.
Dirixiu o proxecto Sounds of Tourism e actualmente coordina PALCOS, ademais de participar como co-investigador principal no proxecto HabitPAT: Os coidados do patrimonio. Tamén dirixe XEITO | Laboratorio de creación etnográfica, infraestrutura do Incipit-CSIC dedicada a explorar as conexións entre etnografía e procesos de creación artística.













