Este mes de marzo a exposición Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria recibe dúas novas visitas especiais, guiadas neste caso pola escultora Cuqui Piñeiro, quen achegará ao público unha aproximación directa aos procesos propios da fundición artística e ao oficio tradicional do bronce.
Coincidindo coa fin de semana na que se celebra o 8M, Día da Muller, no Museo Centro Gaiás afondaremos neste oficio —tradicionalmente masculino— desde a experiencia e a traxectoria da artista e xerente da única fundición de bronce á cera perdida que existe en Galicia. Ademais de crear as súas propias pezas escultóricas, Cuqui Piñeiro recibe os encargos de recoñecidos artistas que acoden á súa fundición en Goián (Tomiño) para converter en bronce os seus bosquexos en escaiola.
Nestas visitas, o público terá a oportunidade de achegarse ás obras máis representativas da exposición Francisco Asorey. Unha recuperación necesaria, ao tempo que poderá afondar nos principais procedementos técnicos da creación escultórica (desde o modelado previo ata os procesos de fundición). Desde a longa experiencia de Cuqui Piñeiro, establecerase ademais un diálogo entre tradición e contemporaneidade para comprender a vixencia e a importancia do legado de Asorey desde a perspectiva do oficio.
Cuqui Piñeiro
Cuqui Piñeiro (Vigo, 1960) é historiadora, escultora e fundidora. Dirixe Arte Bronce Fundición e tamén a galería co mesmo nome, compaxinando esta actividade coa súa propia creación artística. Vencellada ao oficio desde nena da man do seu pai, o escultor Xoán Piñeiro, a traxectoria de Cuqui está profundamente ligada á posta en valor do oficio de broncista e ao desenvolvemento de pezas únicas, series e formas inspiradas na natureza.
Gaiás inspira
Pensadas para ampliar o coñecemento do público sobre a técnica, os procesos e a traxectoria de Asorey, escultor a quen se lle dedicou o Día das Artes Galegas en 2024, estas visitas teñen carácter gratuíto e diríxense a público adulto e xuvenil. A reserva de praza pódese realizar na columna dereita da web.
A actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.






