Artífice, depositario e custodio da colección pública de arte contemporánea de referencia en Galicia, o CGAC cumpre 30 anos e a Cidade da Cultura súmase a esta celebración coa coorganización do proxecto Traballo en equipo, artellado en dúas exposicións complementarias pero independentes. O Museo Centro Gaiás acolle así ata o 15 de outubro de 2023 a mostra Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC, que propón unha abordaxe temática do presente a partir dos fondos da colección do centro compostelán.
Neste percorrido comentado descubirás, da man do noso equipo de guías, unha relectura da Colección CGAC marcada por algúns dos grandes temas do mundo contemporáneo: natureza e ecoloxía, diálogos co espazo e coa arquitectura, a idea de construción, o traballo, feminismos, miradas poscoloniais, a relectura da historia e a arte como curación. En conxunto, medio centenar de obras, asinadas por destacados nomes das artes plásticas que, ademais de establecer un diálogo co espazo arquitectónico do Museo, permiten afondar nas correntes e tendencias da arte contemporánea ao longo das últimas décadas.
30 anos do CGAC
O proxecto expositivo Traballo en equipo artéllase en dúas exposicións complementarias pero independentes. Ademais da mostra Relatos contemporáneos desde a Colección CGAC, que acolle o Museo Centro Gaiás, podes visitar Unha historia posible do CGAC na sede do propio Centro Galego de Arte Contemporánea na cidade vella compostelá.
Información a ter en conta
- De balde
- As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade.
- Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
- A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
- Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.
