A terra do ouro branco reúne no Museo Gaiás máis de 160 pezas de ata 28 museos e institucións de España, Portugal, Dinamarca e Reino Unido que trazan un mapa da evolución da ourivería dos pobos galaicos, desde hai 4.500 anos ata o seu contacto con Roma, e a súa influencia ata os nosos días.
A mostra exhibe torques e outras xoias prerromanas —como diademas, arracadas, brazaletes ou aros de cabelo—, xunto con esculturas e obxectos relacionados co traballo do ouro. Acompañadas de audiovisuais, ilustracións e un novidoso arqueoplanetario, permiten explorar tanto a tecnoloxía como os usos sociais e rituais do ouro antigo.
O ouro branco, denominado así polo xeógrafo grego Estrabón debido á elevada presenza de prata mesturada co metal, era un recurso outrora moi abundante nas terras do noroeste da Península Ibérica.
Deseños prehistóricos, como espirais e trísceles, convertéronse en emblemas identitarios e inspiración para artesáns actuais, pero tamén os achados fortuítos e a busca de tesouros dos galaicos deron lugar a múltiples lendas e tradicións orais.
Información a ter en conta
- De balde: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar no mostrador de información do Museo.
- A exposición tamén pode visitarse por libre, gratuitamente
- Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
- Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.







