Visitas comentadas | As estacións do ano na arte galega dos s. XX e XXI

Da man do persoal especializado do Museo Centro Gaiás poderás completar a experiencia artística de As estacións do ano nun percorrido guiado co que afondar nos máis de 125 anos de historia da arte galega que atravesa a exposición. Percorreremos paisaxes, bodegóns, esculturas e imaxes indiscutiblemente evocadoras da memoria individual e colectiva de cada estación en Galicia que van do Movemento Rexionalista de principios do século XX ata os nosos días.

A comisaria da mostra, a artista e investigadora, Mónica Alonso, seleccionou coidadosamente cada pintura, escultura, fotografía, instalación e vídeo, deseñando un percorrido que pon o foco no valor emocional, sensorial e simbólico da experiencia artística. Máis de 80 obras de 63 aristas reunidos nunha exposición singular, que convida a abrir os sentidos, camiñar devagar e mergullarse en cada peza. Partindo dun concepto de inmersión espacial, o Museo Centro Gaiás convértese nun lugar onde sentir a arte a través dos sons, da temperatura, das cores e das texturas, coa primavera, o verán, o outono e o inverno en Galicia como os grandes escenarios das nosas vidas.

Información a ter en conta

  • De balde
  • As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
  • Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
  • A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
  • Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.