REGA | Residencias artísticas do Gaiás, Cidade da Cultura

Na Cidade da Cultura botamos a andar as REGA: Residencias artísticas do GaiásDeste xeito, poñemos os nosos espazos, recursos e equipos técnicos ao servizo de creadores e creadoras de dentro e fóra da nosa comunidade que acudirán ao Gaiás para desenvolver os seus proxectos culturais vencellados coa música, coa escena, coa danza, coas artes performativas e audiovisuais e coa literatura, grazas á colaboración con institucións e colectivos culturais para consolidar o Gaiás como viveiro cultural creativo.

Esta edición 2021 arranca con cinco estadías creativas, nas que nalgún caso os e as participantes amosarán ao público o estado do seu proxecto ao remate da residencia. Non serán traballos conclusos, senón que gozaredes do resultado do que deu de si o proceso creativo ata a fin da estancia nas REGA. En todo caso, seguro que o ides vivir coma un privilexio o poder ver os primeiros resultados destas pequenas factorías culturais ateigadas de talento e creatividade!

RESIDENCIA RESIS

Colabora: Asociación cultural AÏS
Datas de estadía da residencia: Do 2 ao 7 de marzo
Equipo artístico:
Verónica Vicente, creadora visual
Colectivo globo, performances
Macarena Montesinos, compositora
Hugo Gómez-Chao, director do espazo sonoro

Gravación dunha peza audiovisual en espazos diferentes da Cidade da Cultura, nos que a través da danza se explora o concepto do corpo como volume que anula a propia identidade. Presentación no RESIS Festival de Música Contemporánea e na programación do Día dos Museos do Gaiás || Resultado: nesta ligazón

 

CLÁSICAS DESFEITAS

Coproduce: Centro Dramático Galego (CDG)
Datas de estadía: Do 8 de febreiro ao 28 de marzo de 2021
Exhibición con público: Entradas dispoñibles en ataquilla os primeiros días de cada semana da representación | Prezo: 5€ 

Volume I. Prometeo, Fausto, Frankestein | Representación nas Torres Hejduk | 13 e 14 de marzo | 12 horas
Volume II. Phármakon [Antígona, Medea, As Bacantes] | Representación no Salón de Convencións do CINC |  21 de marzo | 12 horas
Volume III Orlando, A consagración da primavera, O mito de Sísifo | Representación no Museo Gaias (andar -1) | 28 de marzo | 12 horas

Coprodución entre a Fundación Cidade da Cultura de Galicia e o Centro Dramático Galego (CDG) para traballar conxuntamente na produción e exhibición deste pequeno ciclo de Clásicas desfeitas, unha aposta para pór en valor a creación e o traballo de músicos, artistas e técnicos da escena a partir de textos clásicos coñecidos polo público.

 

RESIDENCIAS PARAÍSO

Organiza: Colectivo RPM.
Colabora/Patrocina: AGADIC. Centro Dramático Galego
Lugar: Museo Centro Gaiás. Espazos de residencia 232.
Datas: Verán de 2021 || Constará de dúas residencias que terán unha semana de estadía no Salón Teatro e dúas na Cidade da Cultura de Galicia (Espazo de Residencias 232).

Residencias Paraíso pretende fomentar a aparición de novos proxectos de creación arredor de linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Entende estas estadías como un espazo e un tempo dedicado á investigación ou creación e, polo tanto, sen obrigatoriedade de elaboración dunha peza artística concluída.

 

RESIDENCIA LITERARIA

Dirixe: Javier Peña, escritor galego e director do Obradoiro de Novela Cidade da Cultura
Datas: Do 5 ao 16 de xullo de 2021
Lugar: Museo Centro Gaiás. Espazos de residencia 229
Participantes: 10  residentes (Oito menores de 35 anos e dous participantes sen límite de idade)

Está concibida para o desenvolvemento e mellora de proxectos persoais de narrativa, para creadores emerxentes. Como tal, os e as residentes comprométense a presentar un proxecto orixinal para o traballo e posta en común durante os días desta estadía creativa. O programa baséase no intercambio e posta en común de experiencias cos participantes e con escritores convidados de Galicia e de fóra, e contará cun programa de actividades como visitas á Casa-Museo de Rosalía Castro ou á Fundación Camilo José Cela, entre outras.

 

RESIDENCIAS CHARCO

Colabora: Colectivo CHARCO
Datas: Verán de 2021
Lugar: Museo Centro Gaiás. Espazos de residencia 231.
Dirección: Pepa Montesinos e Susana González.
Comisariado: Susana González.
Artistas: Dúas artistas de Galicia e dúas artistas de México

Este programa de residencias artísticas entre Galicia e Latinoamérica propón o intercambio cultural como matriz e entidade xeradora de accións culturais ao redor da arte contemporánea. Nesta edición o país elixido é México, polo que dúas artistas mexicanas residirán en Santiago de Compostela e traballarán na elaboración dunha obra artística que se exporá na Cidade da Cultura e logo itinerará. Á vez, dúas artistas galegas terán a posibilidade de instalarse en México e expor o resultado da súa estadía en institucións de alí. A temática na que traballarán en Galicia estará vencellada co Camiño de Santiago e co fenómeno do Xacobeo, coa idea de afondar na conexión entre territorios e no vínculo histórico migratorio propiciando un contexto estimulante para a creación visual.