Facer de algo tan intanxible como o píxel unha novidosa ferramenta para a arte. Este é o obxectivo do obradoiro no que os participantes se sorprenderán de como a través de materias primas tan sinxelas como un panel de grandes dimensións e pequenos imáns de cores se pode dar vida a unha sorprendente e orixinal película de animación.
O sistema é moi sinxelo: sobre unha gran táboa negra que simula ser unha pantalla de ordenador, os alumnos irán colocando manualmente os pequenos imáns de cores que representan os píxeles que dan corpo a unha imaxe dixital. Cada escena construída na “pantalla” rexistrarase cunha cámara, conectada a un sistema de captura e animación, que será a encargada de devolver eses “píxeles” do mundo tanxible ao dixital e configurar a divertida película final.






