ORIXES | Unha viaxe virtual a onde todo comezou

Erupcións volcánicas, impactos de meteoros, grandes dioivos, xigantescos dinosauros, abraiantes criaturas mariñas... Orixes recrea unha natureza salvaxe onde volven á vida seres hoxe desaparecidos, pero tamén descubrimos outros que habitan a Terra desde hai millóns de anos, desde moito antes de que o ser humano pisara o noso planeta.

A experiencia sensorial inmersiva Orixes atravesa catro mil millóns de anos de evolución do noso planeta: desde unha inhabitable bóla incandescente, ata a extinción do temible tiranosauro-rex, pasando pola explosión da vida nos océanos ou a aparición dos primeiros grandes bosques na superficie terrestre.

P R E M E  A Q U Í  P A R A  M E R C A R  A  T Ú A  E N T R A D A ]

Da man da tecnoloxía de realidade mixta, que combina nunha única capa o mundo físico e o virtual, emprendemos unha viaxe cósmica para camiñar a través do tempo. As persoas visitantes atravesan o Museo Centro Gaiás equipados cunhas lentes que lles permiten ver o latexar da vida no interior das especies que xorden, interactúan cos visitantes e evolucionan a través dos milenios.

Toda unha travesía sensorial que amplifica a nosa percepción da natureza e nos amosa a vida que permanece oculta aos nosos ollos e nos lanza unha poderosa pregunta: será o ser humano o detonante dunha nova extinción masiva no noso planeta?

Entradas xa á venda

Xa podes mercar a túa entrada para Orixes tanto no Museo Centro Gaiás como a través de Ataquilla, a un prezo de 5 euros (+gastos de xestión, descontos aplicables). A experiencia é accesible a partir dos 8 anos de idade, e as nenas e nenos menores de 12 deben realizala co acompañamento e vixilancia dunha persoa adulta responsable que deberá adquirir tamén unha entrada.

A instalación está aberta do 28 de febreiro ao 26 de outubro de 2025, de martes a domingo e pode visitarse en horario de mañá (entre as 10:15 e as 14:15 h), e de tarde (entre as 15:30 e as 19:30 h), cunha duración aproximada de 45 minutos cada unha das sesións, na que participan ata 12 persoas de maneira simultánea.

A instalación conta con quendas de visita exclusivamente para saídas didácticas dos centros escolares, de martes a venres lectivos en horario de mañá, para grupos a partir de 4º curso de educación primaria. Preme AQUÍ para reservar.

Carlos Seijo - Maxina

Carlos Seijo (A Coruña, 1980) é un artista audiovisual galego cunha traxectoria que nace da estética e os gráficos xerados por ordenador para fusionarse, nos seus últimos proxectos, coas tecnoloxías emerxentes de realidade estendida e virtual. Na actualidade dirixe o estudio galego Maxina, fundado xunto coa súa irmá Noela Seijo e especializado en efectos visuais, animación 3D e contidos inmersivos. 

En Maxina realiza proxectos para institucións e empresas galegas e españolas próximas á ciencia, a arte, a innovación e a cultura, como Afundación, Netflix, Ferrovial, Xunta de Galicia ou o Guggenheim de Bilbao, entre outras. Con Olas del sur, consegue o recoñecemento internacional como finalista dos Hollywood Music Awards 2015. O seu interese hoxe en día céntrase na creación de experiencias inmersivas enfocadas ao espazo museístico, cunha pulsión creativa moi ligada ás tecnoloxías de realidade virtual e mixta e á intelixencia artificial.

Maxina é tamén a responsable do deseño e programación da realidade virtual de Hábitats, natureza extendida e das experiencias do Galiverso, proxecto desenvolvido en colaboración coa Xunta de Galicia a través do que crea un soporte inmersivo para a virtualización do patrimonio cultural galego.