Ópticas para a cativada

Durante tres fins de semana do outono celébrase na Cidade da Cultura o ciclo Ópticas contemporáneas. A música reborda o pentagrama unha proposta para persoas adultas que non se esquece do público infantil. Así é que, en paralelo aos tres concertos, tamén temos tres propostas para a cativada no marco do programa Corresponsables no Gaiás. Poñemos en marcha tres obradoiros para favorecer a conciliación e que os pequenos e pequenas tamén se poidan somerxer no mundo da música á súa maneira. Ópticas para a cativada é de balde, previa reserva de praza. Bota un ollo ás actividades. 

A ÓPERA | 29 Out | paralelo á ópera "Un riso para chorar" de Miguel Azguime

A cativada coñecerá o que é un ópera e por que é especial, traballando sobre a mensaxe que quere poñer de manifesto o autor na súa composición. Así, utilizaranse elementos reciclados, valorando tamén o silencio como elemento indispensable para o desenvolvemento da concentración, a audición interna e o pensamento musical.

 

A ORQUESTRA | 3 Nov | paralelo á interpretación de "Flying pictures" da Real Filharmonía de Galicia

Achegarémonos á peza orixinal que deu lugar a esta composición, aprendendo os conceptos básicos da orquestra e facendo, ademais, á súa propia exposición musical. Para que cada participante realice a súa creación musical botarase man de escenas, sons e ritmos, descubrindo as imaxes que propón a música descritiva. Traballarase tamén a importancia do patrimonio musical como parte integrante do patrimonio histórico e cultural.

 

O PIANO | 26 Nov | paralelo ao concerto de Federico Albanese co seu álbum "Days of Passage"

Non é apaixonante o que pode haber dentro dun piano? Neste obradoiro coñeceremos os segredos deste instrumento, escoitando e achegándonos ao seu funcionamento á vez que entendemos a súa sonoridade. A cativada creará música e deixarase levar polas cores que nos evoca en cada intre, profundizando nos sentimentos a través dela. Os e as participantes tratarán de apreciar a importancia da música como linguaxe artística e medio de expresión cultural dos pobos e das persoas.
 
En familia