Metáforas: Pegadas dun percorrido

Cinco esculturas levada a cabo en bronce e formigón branco, que transfiren un rexistro de superficies dos cinco camiños das rutas xacobeas percorridos polos dous artistas. Pezas coas que Alexandra R. Rey e Thomas Apostolou queren crear  unha metáfora visual entre o físico e o alegórico da experiencia xacobea.

Este proxecto reúne dous artistas con prácticas distintas pero á súa vez moitos puntos en común no seu quefacer artístico, Alexandra R. Rey e Thomas Apostolou. A decisión curatorial de invitar a dous artistas a colaborar para crear unha peza común, está directamente relacionada con ideas que xorden da temática proposta dende Reb/veladas, o Camiño de Santiago.

Percorrendo unha selección de tramos dos cinco camiños principais cara Santiago, os artistas rexistraron directamente sobre o bronce puntos de contacto da contorna que percorreron. Colocando o material entre eles mesmos e os lugares que tocaron, por onde camiñaron, onde se sentaron ou se apoiaron. Unha vez de volta ao estudio, as 5 láminas de bronce convértense en esculturas que asemellan mapas topográficos.

  • Alexandra R. Rey | Artista

Artista, investigadora e xestora cultural que entende a arte como unha ferramenta transformadora da sociedade. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cun Máster en Arte Contemporánea, creación e investigación pola Universidade de Vigo e un Máster en Valoración e Xestión do Patrimonio cultural. Actualmente é alumna do Programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo.

Alexandra foi seleccionada para o concurso Novos Valores 2019 e 2020 (Museo de Pontevedra), e no Encontro  de Artistas Novos (EAN) 2019 . Tamén na III Bienal Internacional de Arte Gaia (Vilanova de Gaia , 2019) e o Certame Plastika18 (Sala X, Facultade de Belas Artes de Pontevedra, 2019) no que recibiu un accésit. Participou en residencias artísticas como Residencia de Creadores Festival SinSal 2019, Arte, natureza e territorio, II Residencia de creadores emerxentes e en Interaccións Artísticas en Galicia no Pazo Mariñán, Deputación da Coruña (2019).

Como xestora cultural desenvolveu proxectos culturais comprometidos socialmente con mulleres como Fío e agulla. Tecendo historias , no Concello do Grove ou Una de cada tres coa asociación de mulleres artistas Blanco Negro e Magenta, da que é membro da xunta directiva, traballando para darlle visibilidade á figura da muller artista a través de proxectos expositivos, faladoiros e publicacións, para poñer en valor e xerar preguntas sobre todo tipo de violencia, dende o maltrato ás persoas dependentes, enfermidades, abandono, etc.

Entre as súas exposicións máis recentes están: Novos Valores 2020 do Museo de Pontevedra, 12-25/71-84 Pareidolia espazo de Arte, Esquecín que te esquecín da Rede Museística Provincial de Lugo, Espazo Arte Contemporánea do Culturgal 2019

  • Thomas Apostolou | Artista

Traballa maioritariamente en escultura, inspirándose en ideas científicas e filosóficas,  e concibe a súa obra como un sistema de aprendizaxe.  Está graduado en Artes Plásticas e Ciencias do Arte pola Universidade de Ioannina, Grecia e cun Máster en Belas Artes en Camberwell School of Arts University of the Arts London, O Reino Unido. Doutor Cum Laude con mención internacional en Belas Artes pola Universidade de Vigo.

Thomas foi seleccionado para o EAN8, Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (Santiago de Compostela, 2018), a III Bienal Internacional de Arte Gaia (Vilanova de Gaia, 2019), a Mykonos Biennale (Mykonos 2015), o Clifford Chance Sculpture Award(Londres, 2012), a Visual Arts Competition for Young Artists organizado polo Centro Cultural da Universidade de Ioannina, en 2010, onde recibe o segundo premio e o Athens Video Art Festival 2009 (Atenas, 2009).

É importante a súa actividade divulgadora e formativa nas universidades de Porto, Lisboa, Atenas, Santiago de Compostela e nos institutos londinenses de Cañada Blanch e Y.E.S.S. Institute.

As súas obras foron expostas en O Reino Unido, Grecia, Malta, Austria, Irlanda, Francia, España, Portugal, Serbia e Suecia.  Como experto en arte contemporánea destaca o seu traballo durante varios anos para a nomeada institución TATE Modern de Londres, onde traballou para o departamento curatorial no cargo de encargado do equipo de montaxe de exposicións, estando ao cargo de importantes proxectos expositivos en dita institución.

  • Elena Bangueses | Comisaria

É Historiadora da arte pola Universidade de Santiago e ten un Mestrado en Xestión Cultural pola City University of London, O Reino Unido. Tamén estudou na Universidade de Roma, La Sapienza, como beneficiaria da bolsa Erasmus e obtivo as bolsas Comenius e Argo (programa europeo Leonardo).

Estivo sete anos como xerente na Saatchi Gallery de Londres, desenvolvendo numerosos proxectos de exhibición e venda de arte en dita institución, onde previamente traballara como coordinadora de experiencia do visitante, educadora e visitas guiadas.

Actualmente traballa principalmente como comisaria e xestora cultural independente, a súa colaboración máis recente foi a xestión e coordinación do Espazo de Arte Contemporánea para Culturgal Feira das Industrias Culturais 2020, comisariando Arte no Foro e Culturgal é unha performance.

Durante a súa carreira profesional, complementou o seu traballo na galería Saatchi con numerosos proxectos como comisaria independente e xestora cultural, organizando diversas exposicións e proxectos maioritariamente en España e o Reino Unido, entre os que destacan: In&Out Board Project, an artistic process on a neighborhood (Le Sorelle River Barge, Londres) ou In&Out Board (TINA B Contemporary Art Festival, Praga). Tamén colabora regularmente co proxecto Mujeres mirando a mujeres. Arte y Feminismo.

Conta con experiencia en prensa e radio no ámbito cultural, traballou para Alter Musica Radio e ALIA Magazine en París, unha organización especializada en eventos culturais na cidade de París. Actualmente coordina e modera os “Faladoiros Literarios na Rede” organizados mensualmente dende a Librería Abrente.

 

 
Exposicións
 
6 Nov 2020 - 30 Mai 2021
De 9 a 21 h
6 Nov 2020 - 30 Mai 2021
De martes a domingo | de 10 a 20h
18 Mar - 5 Set 2021
Aberta de martes a domingo | De 10 a 20 horas
23 marz - 8 ago 2021
Aberta de luns a domingo | De 10 a 20 horas
27 Mar - 15 Ago 2021
De martes a domingo, de 10 a 20 horas
30 Abr - 27 Xuñ 2021
De 10 a 20 horas
14 mai - 30 ago 2021
Aberta de 9 a 21 horas