En terra firme (EAN10) | Xacobeo 2021

En terra firme mergulla as persoas visitantes nunha experiencia que alude á xeometría da luz do faro e sitúa o seu percorrido persoal no centro da intervención. Parte das múltiples connotacións da viaxe marítima e do concepto de luz como símbolo de transformación a nivel interior para convidar a percorrer unha viaxe propia. Esta proposta creativa de Ana Núñez Rodríguez (Lugo, 1984) e Sebastián Sandoval Quimbayo (Bogotá, 1986) resultou gañadora do VIII Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado en 2020 entre os e as participantes do X Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura (EAN10). O certame está enmarcado na programación do Xacobeo 21-22 e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell. 

Na silueta da Costa da Morte xacen agullas que esperan polos viaxeiros provenientes do mar na procura dun horizonte firme. Non só foron testemuñas de infinidade de historias sobre a peregrinación, senón que tamén sinalaron o camiño a distintos viaxeiros ao longo da historia. Os faros, estas estruturas luminosas que emerxen no litoral da paisaxe galega desde o imperio romano, serviron como sinal para os navegantes, que despois de internarse no inmenso mar agardan ser guiados por este foco ata o seu encontro coa costa. Así, no medio da espesura da paisaxe marítima, esta arquitectura convértese na ferramenta que dá aviso ao fin dunha travesía ou á chegada a terra firme, orientando nas circunstancias máis adversas e permitindo que o viaxeiro chegue ao seu destino.

Do mesmo xeito, a instalación En terra firme propón neste mar de vexetación e pedra un destino que guíe as persoas visitantes da Cidade da Cultura na súa travesía. Aproveitando as propiedades arquitectónicas das torres Hejduk, a torre de cristal transfórmase nun sinal luminoso que aloxa no seu interior un pico dun faro inspirado nas xeometrías do mar e nas formas curvilíneas das fiestras da catedral de Santiago. Así, recrea un escenario da costa que deixa ao alcance do espectador a experiencia perceptiva da parte máis alta dun faro.

A torre de pedra aprópiase da paisaxe que rodea este foco para albergar unha instalación audiovisual. Unha proxección circular, baseada na linguaxe matemática do alcance de visibilidade en alta mar e as cartas náuticas, reflexiona sobre o nivel de transcendencia da experiencia da viaxe, guiando ao espectador a partir dunha fórmula trigonométrica polas augas navegables e rexións terrestres rumbo a un horizonte visible.

Ana Núñez Rodríguez (Lugo, 1984)

Enxeñeira técnica en Química Industrial pola Universidade Autónoma de Madrid, con estudos en Fotografía Documental e Creación Contemporánea en IDEP Barcelona e posgrao en Fotografía da Universidade Nacional de Colombia. Máster en Fotografía e Sociedade na Academia Real de Belas Artes da Haia (KABK), Os Países Baixos, onde foi galardoada como mellor tese polo seu traballo Cocinando Historias de Patatas. Participou en residencias, exhibicións e eventos en Bélxica, Os Países Baixos, Irlanda, Colombia, Xapón, Portugal e España. Foi seleccionada para Descubrimientos PhotoEspaña 2017, premiada no Portfolio Review na Bienal Fotográfica Bogotá 2017 e seleccionada para o programa Lighthouse de novos talentos en Fotodok, Utrech (Os Países Baixos), entre outros recoñecementos. Este ano publicou o seu primeiro fotolibro Flor de Roca, proxecto gañador da bolsa de proxectos editoriais independentes do Instituto Distrital de Artes, Colombia.

 

Sebastián Sandoval Quimbayo (Bogotá, 1986)

  Estudou Artes Plásticas e Visuais na Facultade de Artes (ASAB) en Bogotá, especializándose en arte sonora, fotografía, pintura e vídeo. Máster en Arte Sonora da Universidade de Barcelona. Realizou estudos en Sonoloxía no Conservatorio Real da Haia, nos Países Baixos. En Colombia, o seu traballo foi exposto en diferentes galerías e espazos culturais como o Arquivo de Bogotá, Artecámara, a Universidade Nacional, o Museo de Arte Contemporánea de Bogotá, e ArtBo entre outros. Participou en residencias e exhibicións en Arxentina, Canadá, España, Os Países Baixos, Xapón e México. Traballou no Museo de Arte Moderna de Bogotá facendo parte do departamento de educación por mais de tres anos. Participou en diferentes equipos de traballo en festivais e eventos culturais como ARCO Madrid, ArtBo e La Otra. Recibiu diferentes recoñecementos dentro do campo das artes plásticas e sonoras como a bolsa para estudos no exterior do ICETEX, a bolsa de creación da Sala Alterna GSF, a bolsa Plástica Sonora da FUGA ou o recoñecemento do Salón Regional de Artistas Zona Centro, entre outros.
 
Exposicións
 
14 Xul 2021 - 9 Xan 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 h
A partir do 29 Set 2021
De luns a domingo | de 9h a 21h
6 Out 2021 - 9 Xan 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
21 Out 2021 - 20 Feb 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 h
26 Out 2021- 31 Mai 2022
De 9 a 21 horas
28 Out 2021 - 17 Abr 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 horas