División simple de una roca de granito | Reb/veladas na paisaxe IV

O escultor e arquitecto pamplonés Alberto Odériz crea para a Cidade da Cultura unha intervención artística que explora a relación entre esta e o monte Gaiás, partindo da análise da metodoloxía deconstrutiva aplicada por Peter Eisenman a ambos no seu proxecto arquitectónico.

Odériz trata de percorrer o camiño inverso trazado polo arquitecto estadounidense, á procura da acción primixenia (DIVIDIR), no material orixinal (GRANITO) e a unha escala fundacional (A HUMANA) co obxectivo de introducir ás persoas visitantes na experiencia de atravesar o interior dunha rocha de granito.

Desta forma, a escultura propón un diálogo coa estratexia conceptual da Cidade da Cultura pero cunha escala, un material e unha experiencia propias.

O material protagonista é o granito galego e o traballo principal aquel que se realiza sobre el nas canteiras: a división sucesiva da rocha natural. Toda a complexidade do proxecto de Eisenman sobre o monte Gaiás, sobre Santiago de Compostela e sobre Galicia concentrada nun único xesto simple: dividir unha roca de granito.

No desenvolvemento desta proposta Odériz tivo moi presente a resposta que deu o escultor Richard Serra coas súas esculturas no Guggenheim: un contido que responde as condicións da sala, da cidade e do museo pero que trata de buscar unha xeografía e un espazo propio a través da inserción do público nunha escala e unha materialidade nova.

  • Artista: Alberto Odériz

Alberto Odériz (Pamplona, 1983) é arquitecto pola ETSA de Barcelona e máster en Análise, Teoría e Historia da Arquitectura e a Cidade pola Universidade Nacional Autónoma de México, cunha tese sobre a destrución do espazo público na capital mexicana. Desde 2010 reside entre Navarra e México, onde compaxina o seu traballo como escultor con outras disciplinas como o urbanismo ou a docencia (profesor do seminario de investigación no Máster en Vivenda e en Cidade en CENTRO-México).

Expuxo o seu traballo en España (Museo de Navarra, Centro Huarte, Galería Nordés, ARCO) e en México (Centro Cultural de España en México, UNAM, PROXECTOR ou a feira MACO, entre outros).

Recentemente realizou traballos de escultura ao redor da temática da “Inexplicable roca”, explorando coa metodoloxía da arqueoloxía os diferentes acontecementos do presente que pola súa condición tráxica (o terremoto de 2017 en México), contestataria (as manifestacións en contra dos feminicidios en 2019-2020) ou simplemente pola súa insignificancia (as primeiras accións dunha nena nada en 2019) non estaba prevista a súa preservación.

En 2023 obtivo o premio de Arte Emerxente na Feira ARCO de Madrid.

  • Comisaria: Chus Villar

Chus Villar é licenciada en Historia da Arte, fundadora e directora da Galería Nordés desde decembro de 2017 (Santiago de Compostela). Previamente, desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional na Galería Trinta, tamén en Compostela, onde desempeñou os cargos de adxunta, directora xeral e finalmente directora. Ten participado na programación, xestión e organización de máis dun cento de exposicións de artistas internacionais, ademais de participar en outros proxectos como seminario, feiras, etc.

No seu labor como comisaria, sobresae o seu traballo xunto ao escritor Juan Bonilla na primeira exposición retrospectiva do fotógrafo Baldomero Pestana (19717-2015). Baldomero Pestana. A verdade entre as mans inaugurouse en febreiro de 2018 no Instituto Cervantes de Madrid e pasou logo polo Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e polo Instituto Cervantes en París.

Desde marzo de 2019 é tamén presidenta de Contemporánea, a Asociación de Galerías de Arte Contemporánea de Galicia.

 
Exposicións
 
Mar - Set 2023
De 9.00 a 21.00 horas
De martes a domingo
21 Xuñ - 26 Nov 2023
Bosque de Galicia
21 Xuñ - 26 Nov 2023
4 Xul 2023 - 7 Xan 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
11 Xul - 15 Out 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
14 Xul - 5 Nov 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Ata o 7 Xan 2024
De luns a domingo | De 10 a 20 h