A Vía da Prata. Aires do Sur

A Vía da Prata. Aires do Sur continúa a serie expositiva iniciada por O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra (Cidade da Cultura, outubro 2021- abril 2022) que se adentra nas rutas xacobeas a través da ollada fotográfica. Comisariada pola historiadora, guionista e documentalista Lucía Laín, esta segunda mostra reflexiona sobre a diversidade e a interrelación entre tradicións e culturas, sobre a soidade, a distancia e o paso do tempo cunha ollada que vai desde o presente cara ao pasado.

Torre del Oro. Sevilla. Jean Laurent 1860-1886Camiño ancho, vertebrador, camiño de camiños, a Vía da Prata encontra no porto universal de Sevilla o seu punto de partida cara ás terras do norte. Un percorrido a través de 1.000 quilómetros e 150 anos de historia da fotografía para a redescuberta do patrimonio monumental e histórico dunha das rutas que mellor encarna a riqueza e a diversidade dos itinerarios xacobeos.

A Vía da Prata. Aires do Sur conforma un relato único no que as imaxes tomadas por grandes clásicos se suceden nun interesante diálogo coa mirada actual de fotógrafos e fotógrafas do noso presente. Tirando do fío por novos camiños e fondos documentais, este proxecto expositivo e editorial constrúe un relato evocador de experiencias capturadas nas que o visitante se sitúa, de maneira intencionada, no punto de vista do peregrino. Detémonos nas paisaxes, nos monumentos e escenas cotiás inmortalizadas desde o século XIX ata os nosos días, nunha secuencia de 140 imaxes de 40 fotógrafos e fotógrafas que convidan a contemplar a realidade coa ollada curiosa e serena do camiñante.

O poder evocador da fotografía amplifícase ademais con textos literarios de grandes escritores e escritoras que verteron o seu sentir e pensamento sobre as cidades e pobos que conforman esta ruta, na que conflúen as pegadas das culturas romana, árabe e cristiá na Península Ibérica.

Artistas

Neste diálogo visual entre fotografía histórica e contemporánea atopámonos con estudos e artistas que fotografaron os camiños e as xentes da Vía da Prata desde finais do século XIX, e que forman xa parte da nosa memoria, como António Passaporte, Aurélio da Paz dos Reis, Enrique Guinea, J. Lacoste, Jean Poujade, Jean Laurent, José Suárez, Juan Miguel Pando Barrero, Luis Agromayor, Manuel Cuenca, Martínez Hebert, Nicolás Muller, Otto Wunderlich, Jaime Pacheco, R. Onieva, Ramón Parada Justel e Roberto Arranz.

Xunto ás súas imaxes, a exposición inclúe traballos de artistas da fotografía contemporánea como os premios nacionais Cristina García Rodero e Juan Manuel Castro Prieto, e tamén Anna Turbau, Andrés Marín, Antón Buciños, Atín Aya, Brais Lorenzo, Carmenchu Alemán, Fernando Manso, Iñaki Matilla, Javier Berasaluce, José Manuel Navia, Juan Manuel Báez Mezquita, Laura Martínez Lombardía, Luis Vioque, M. Castro Baro, Manuel G. Vicente, Miguel Muñiz, Roberto de la Torre, Tere Fernández, Vicente López Tofiño e Yorgos Karailias.

A néboa e o castelo. Brais Lorenzo Las Purificás - Carmenchu Alemán

 

A recuperación e exhibición desta selección é posible grazas ao traballo de museos, arquivos e coleccionistas que contribúen de maneira decisiva á conservación e transmisión do patrimonio vivo das rutas xacobeas. Á vez, este proxecto expositivo reivindica a fotografía documental como unha ferramenta contra a banalización visual e unha chamada a contemplar devagar a realidade.

«A travesía dun verso»

Nesta viaxe de sur a norte, a fotografía conxúgase con textos literarios de grandes escritores e escritoras das nosas letras, como Manuel Curros Enríquez, Vicente Risco, Sofía Casanova, etc.; e tamén de outros que desde a distancia atoparon a inspiración nesta mesma peregrinación. Entre eles podemos citar os Seis poemas gallegos e Santiago (balada ingenua) de Federico García Lorca ou “Esta luz de Sevilla…” de Antonio Machado. Este encontro feliz coa palabra escrita permítenos afondar na multiplicidade de sentimentos, lecturas e sentidos que transmite a imaxe, ofrecendo unha nova interpretación, por veces sorprendente na súa potencia evocadora, do traballo fotográfico.

A mostra complétase coa peza audiovisual A travesía dun verso, producida de maneira exclusiva para esta exposición polo Laboratorio NUMAX con guión de Lucía Laín. Nesta curtametraxe, que pode verse na sala do Museo Centro Gaiás e tamén en liña, desprazámonos nun carrusel de imaxes e música que nos fai avanzar a través do ecos da vida capturada nas fotografías. En cada etapa, detémonos nos detalles dunha paisaxe, dun rostro, acompasados polos cantos e cancións tradicionais do folclore de Galicia, Estremadura e Castela e León —recuperadas de gravacións de vinilos antigos— e da guitarra flamenca de orixes galegas de Marcos Teira, que une de maneira definitiva o norte e o sur da Vía da Prata.

A comisaria: Lucía Laín

Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballa como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos. Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis de doce exposicións: Nocturnas, mientras la ciudad duerme, En la cinta del tiempo, El Rostro de las Letras, Santos Yubero, La Memoria del tiempo (con Publio López Mondejar) ou O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra, que foi visitada por máis de 21.000 persoas na Cidade da Cultura e actualmente se atopa no Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

Sobresae tamén o seu traballo como documentalista en producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Granados. El último romántico, Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre), Albéniz. El color de la música ou Marañón en Toledo, de José Luis López Linares, e na escritura de guións como Mariano Fortuny, el universo en una caja.

 
Exposicións
 
1 Abr - 7 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
8 Abr - 28 Ago 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 h
5 Mai - 28 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
20 Mai - 20 Xul 2022
De martes a domingo | De 11 a 14 h e de 16 a 21 h
20 Mai - 4 Set 2022
Museo do Mar de Galicia | Vigo
1 Xul - 18 Set 2022
ENTRADAS XA Á VENDA
Do 16 Xuñ ao 13 Xul
De 10.00 a 20.00 horas
17 Xuñ - 30 Xul 2022
Luns - Sábados | 12.00-14.00 e 17.00-21.00 h