Crónica da condición feminina

Ao longo do século XX os enfoques de sexo e xénero foron gañando terreo no debate intelectual e político. A toma de conciencia do sometemento histórico da muller levou a un grupo de escritoras e pensadoras a cuestionar estereotipos, a denunciar os mecanismos de discriminación e a reivindicar a súa radical individualidade, como suxeitos autónomos e donas de seu.

Así, a brasileira Clarice Lispector constrúe parte da súa obra sobre a dificultade das relacións humanas, a disección da institución familiar e unha vigorosa afirmación do eu, servíndose para iso do fluxo da consciencia, como antes fixera unha insigne predecesora, Virginia Woolf.

Programa

12:00 | Exposición inicial: Carmen Blanco

Escritora e profesora titular de literatura galega da USC. Autora de obras de creación como Atracción total ou Un mundo de mulleres e de numerosos libros sobre poder, sexo e cultura. Na súa exposición acometerá unha introdución ao nexo entre feminismo e literatura e unha aproximación á figura de Virginia Woolf.

12:30 | Relatorio: Elena Losada

Profesora titular de literatura portuguesa na Universidade de Barcelona. Coordinadora da web “Lletra de dona” e investigadora do Centre Dona i Literatura da UB, ten traducido quince libros de Clarice Lispector, recibindo en 2012 o Premio Giovanni Pontiero pola súa tradución de Minhas Queridas. É unha consumada especialista na obra da escritora brasileira, sobre quen disertará no seu relatorio. 

13:15 | Danza contemporánea

Dous artistas por vontade anónimos presentarán unha acción de danza creada ex proceso para este ciclo. Así o explican: “Práctica – experiencia dun eu, dun ti, dun eu e un ti, de dous eus, de dous tis, un home, unha muller, un corpo, outro corpo, nada... Unha práctica – experiencia sobre a nada”.