Cidade Imaxinaria 2023

A maxia e a fantasía volven ao Gaiás: volve... A CIDADE IMAXINARIA!! O 9 de setembro despedimos o verán ao grande, na compaña de malabaristas, trapecistas, equilibristas, saltimbanquis, clowns e fabulosas personaxes fantásticas de toda clase e condición, que regresan para ateigar de diversión todos os recunchos da Cidade da Cultura.

Viaxa connosco a mundos incribles nunha xornada de sábado chea de circo, teatro, música, xogos de enxeño e instalacións de gran formato. Un programa enteiramente de balde e ao aire libre que transportará a toda a familia a mundos soñados. En total serán unha vintena de compañías —procedentes de Bélxica, Italia, Portugal, Valencia, Cataluña, Madrid e Galicia— con outras tantas propostas lúdicas ao longo de toda a xornada, dende as 11.00 ata as 20.30 horas.

O Gaiás acollerá así funcións de novo circo, clown, malabares e espectaculares coreografías con acrobacias aéreas para cortar o alento. Divertidas actuacións itinerantes, unha escoliña de saltimbanquis para a cativada, exhibición de papaventos, xogos tradicionais e de habilidade, e un espazo sensorial para bebés de 0 a 3 anos completan esta oferta de ocio familiar da Cidade imaxinaria na que, ademais, se habilitarán zonas para repor enerxías con postos de bebida e petiscos doces e salgados para o xantar e a merenda.

Cidade imaxinaria

Celebrada entre 2011 e 2019, a Cidade imaxinaria é unha das citas clásicas da programación infantil do Gaiás, congregando a milleiros de familias ao longo das súas once edicións previas. Tras un parón provocado en 2020 pola pandemia, o evento regresa ao grande en 2023 nun formato de xornada completa e numerosos espectáculos que se sucederán en diferentes puntos dos exteriores da Cidade da Cultura. Se queres saber máis, só bota unha ollada aos vídeos da nosa lista de reprodución!!

— Ilustración da Cidade imaxinaria 2023: Inma Hortas [@inlohographics / inloho.com]

 
En familia