Camiños creativos

Camiñamos para descubrir, tanto o propio coma o alleo e, tamén, camiñamos para crear. A exposición Camiños creativos explora o vencello entre movemento e arte e afonda en como o desprazamento a pé é determinante no proceso creador. Na recta final deste Xacobeo, Camiños creativos é tamén o gran proxecto expositivo internacional co que o Goberno galego despide esta cita ata a súa vindeira edición.

Comisariada pola galega Monserrat Pis Marcos, conservadora do Holburne Museum en Bath, a mostra posúe unha destacada dimensión internacional amosando un centenar de obras do século XVIII ata a actualidade, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países europeos. Así, o Museo Centro Gaiás exhibe obras de grandes mestres da pintura, como J. M. W. Turner, John Constable, Gustave Courbet, Camille Corot, Théodore Rousseau, Carlos de Haes, Joaquín Sorolla, ou os Macchiaioli italianos, converténdose nunha das poucas oportunidades de ver en Galicia obra de dous dos maiores expoñentes da pintura paisaxista británica.

Camiños creativos tamén achega ao público galego unha destacada escolma da creación contemporánea máis actual, con nomes como os de David Hockney —un dos pintores vivos máis influentes na arte do s.XX— Jeppe Hein —artista danés coñecido polas súas instalacións sensoriais e interactivas—, Cristina Iglesias —unha das artistas españolas actuais con máis recoñecemento internacional, premio de Arquitectura da Royal Academy—, Jesús Rafael Soto —grande figura da arte latinoamericana do s. XX, con obras en coleccións como a do MoMA—, ou Julian Opie —un dos artistas internacionais máis mediáticos das últimas décadas, que ten traballado con bandas como U2 ou Blur—.

Unha mostra para camiñar e experimentar

A interacción e diálogo co público é un dos piares desta exposición e son moitas as obras que precisan da participación das persoas visitantes, procurando a sorpresa, a reacción, ou o movemento humano para completar o propio proceso de creación. Algunhas destas instalacións resaltan pola súa magnitude, perspectiva anovadora ou execución sorprendente, podendo atopar obras que se moven por si mesmas, e outras que deben ser percorridas ou atravesadas polos visitantes para poder ser experimentadas por completo.

Unha aplicación que crea melodías a partir do movemento das mareas realizada pola artista británica Victoria Evans, as pinturas de Irene grau, a partir de pigmentos con cinza da vaga de lumes do 2017, un xogo de mesa arredor das andanzas de peregrinos e turistas creado por Juanma González, audiovisuais de creadoras como Elia Torrecilla, Clara Montoya ou Honi Ryan... Son só algúns dos exemplos das instalacións e pezas contemporáneas que sorprenderán ao público de Camiños creativos.

Prestixiosos museos e coleccións 

Para facer realidade esta exposición, establecéronse alianzas cunha trintena de prestixiosas institucións museísticas e coleccións privadas —12 delas estranxeiras— de oito países: Reino Unido, Holanda, Bélxica, Austria, Dinamarca, Italia, Francia e España. Así, o Museo Gaiás acollerá ata abril obras pertencentes a institucións como a Galería Uffizi (Palazzo Pitti) de Florencia, a Thyssen-Bornemisza Art Contemporary de Viena, o LIMA de Amsterdam, o Kunsten Museum of Modern Art de Aalborg (Dinamarca), o Museo Fabre de Montpellier, o Museo do Prado, o Reina Sofía, ou os británicos The Courtauld Gallery, Holburne Museum ou British Library -entre outros-.

Camiñar para descubrir 

Camiños creativos estrutúrase en catro bloques temáticos que artellan o percorrido e o diálogo que as obras establecen entre si e coas persoas visitantes. Cada bloque identifícase cunha cor, sinalada nos carteis das pezas.

  • Desprazarse para crear. Descubrimos obras de arte que non terían existido se os seus creadores e creadoras non se moveran do seu estudio.
  • Desprazamentos creativos. Cando camiñar pode ser unha acción creativa autosuficiente, que pode ou non perseguir un fin ou un resultado do proceso.
  • Arte en marcha. Que sucede cando son as obras as que se moven?
  • Desprazar ao público. Ás veces é a propia obra a que require un desprazamento das persoas visitantes: terás que camiñar para descubrilas.

Percorrer a mostra é un convite ao xogo, á descuberta e a camiñar estes corredores como flâneurs contemporáneos. Non existen planos de sala. Está permitido perderse.

A comisaria: Monserrat Pis Marcos

Monserrat Pis Marcos (Santiago de Compostela, 1983) é historiadora da arte, profesional de museos e comisaria de exposicións. Máster en Comisariado de Museos de Arte por The Courtauld Institute of Art (Londres) e Máster en Xestión de Bens Culturais (Palazzo Spinelli, Istituto per l´arte e il restauro, Florencia), posúe unha traxectoria profesional de máis dunha década ao servizo de institucións museísticas e culturais nacionais e internacionais.

Actualmente traballa como conservadora e comisaria en The Holburne Museum, Bath (Reino Unido), e previamente desenvolveu as mesmas funcións no Sainsbury Centre for Visual Arts, Norwich (Reino Unido), entre 2016 e 2020.

.

 
Exposicións
 
27 Set - 18 Dec de 2022
De 10.00 a 20.00 horas
De martes a domingo
16 a 20 h | Sáb-Dom e festivos tamén de 11 a 14.30 h
21 Out 2022 - 17 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
De Nov 2022 a Mai 2023
De 9.00 a 21.00 horas
18 Nov 2022 a 28 Xan 2023
De 11.00 a 20.00 horas
21 Nov 2022 a Xan 2023
De 9.00 a 21.00 horas