Descobre unha nova forma de achegarse ao Gaiás e á propia cidade de Santiago de Compostela. Organizado en colaboración coa Fundación USC Deportiva, Camiño ao Gaiás ofrécelle aos visitantes novas rutas para chegar a pé ao complexo deseñado por Peter Eisenman, poñendo en valor a fermosa contorna natural e patrimonial que leva ata a Cidade da Cultura, permitindo descubrir algunhas das xoias arquitectónicas de Compostela como a praza de Mazarelos e a Facultade de Xeografía e Historia, a Igrexa de San Fiz de Solovio, o parque e convento de Belvís, o Seminario Menor ou as Brañas do Sar.
Acompañados por monitores da Fundación USC Deportiva, os participantes concentraranse no centro histórico de Santiago e subirán a pé ata a Cidade da Cultura. Unha vez alí, serán recibidos por un dos guías da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, e completarán o seu percorrido cunha visita guiada de balde á exposición Auga Doce.






