A Xunta apoia a creación pictórica feminista no encontro de cultura urbana ‘Delas Jam’

Santiago de Compostela, 03 de Agosto de 2021

A Cidade da Cultura acollerá o vindeiro 4 de setembro a segunda edición da Delas Jam, un encontro de improvisación pictórica promovido pola 7H Cooperativa Cultural co apoio da Xunta de Galicia a través do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22.

O equipo organizador vén de abrir o prazo de presentación de candidaturas para participar no proceso selectivo das artistas que tomarán parte neste encontro. A convocatoria diríxese a escritoras de graffiti e artistas de 18 anos en diante, que poden enviar a súa proposta ao enderezo electrónico 7hcoop@7hcoop.gal antes do xoves 19 de agosto. A solicitude debe incluír un cartafol artístico, no que consten un mínimo de cinco pezas individuais realizadas con anterioridade á convocatoria, un pequeno texto, de 850 caracteres como máximo, no que se describan as motivacións para involucrarse no evento, e a listaxe de materiais coa gama cromática seleccionada.

Cada unha das seleccionadas percibirá 300 euros por participar, ademais de todo o material preciso para realizar unha peza artística sobre un soporte de papel de celofán cunha superficie aproximada de catro metros de longo por un metro de alto.

Un xurado integrado por Clara Rodríguez Cordeiro, presidenta de 7H Cooperativa Cultural; María Pereira, directora de Acción Cultural da Fundación Cidade da Cultura, e Anna Dimitrova, directora da Montana Gallery, elixirá as sete participantes en base á súa calidade artística e traxectoria, así como á coherencia do seu traballo coa liña feminista da actividade. A resolución comunicarase persoalmente ás aspirantes seleccionadas e a listaxe completa será difundida publicamente o martes 24 de agosto de 2021.

A II Delas Jam terá lugar na Cidade da Cultura o 4 setembro, no marco do programa Mulleres e Cultura Urbana. O seu emprazamento no Xardín do Teatro da Cidade da Cultura mantén o seu espírito fundacional, baseado na vontade de facilitar espazos seguros e libres de violencias machistas nos que se favoreza nun lugar para a creación, o diálogo e o intercambio de experiencias sen competencia entre artistas.