Xa temos o nome dos setenta creadores seleccionados para participar no V Encontro de Artistas Novos “Cidade da Cultura”, que terá lugar do 7 ao 11 de setembro deste ano no Gaiás.
O equipo dirixido por Rafael Doctor, director do Encontro de Artistas Novos, destacou a calidade dos proxectos presentados para esta quinta edición, que recibiu un total de 329 solicitudes. Todos aqueles que presentaron o seu proxecto para optar a unha praza neste V EAN xa poden consultar o listado de seleccionados na área de descargas. Recordámoslles aos afortunados que deberán confirmar a súa praza antes do venres 31 de xullo a través do mail encontro@cidadedacultura.org tal e como se indica nas bases.
Seguindo a senda iniciada na anterior edición, neste V EAN participarán artistas maiores de 35 anos co obxectivo de formular un diálogo entre artistas de varias xeracións nun proceso creativo aberto. Ademais, o V EAN contará coa presenza dun dos artistas participantes no Encontro que se celebrou por primeira vez fóra do Gaiás: o EAN de Uruguai, que tivo lugar en xuño. Agustín Banchero Cardozo foi o participante elixido de entre os 40 creadores que participaron nesta primeira convocatoria en América Latina e viaxará a Galicia grazas a unha bolsa concedida pola Asociación General de Autores de Uruguay (Agadu).
A obtención dunha praza inclúe a matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o 7 ata o 11 de setembro (ambas as dúas inclusive) e transportes diarios desde o Monte do Gozo ata a Cidade da Cultura.
Consulta a lista de admitidos na área de descargas.
| 580.09 KB |
