Máis de 800 persoas arroupan ao Grupo Nove no Gaiás

Santiago de Compostela, 22 de Outubro de 2013

Santiago de Compostela vibrou a pasada noite coa multitudinaria celebración do décimo aniversario do Grupo Nove. Máis de 800 persoas congregáronse no monumental Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para para degustar ao son da música e baixo a batuta do gastrónomo Manuel Gago e a actriz e comunicadora Sole Felloza as creacións culinarias máis emblemáticas destes 20 cociñeiros que desde que se asociaron hai agora 10 anos fixeron da gastronomía galega a razón da  súa existencia e, actualmente, coa colaboración de Turismo de Galicia, o motor para reforzar a marca Galicia e difundir a súa excelencia dentro e fóra da comunidade.

A noite no Gaiás comezou ás 20.15 horas coa intervención de Miguel Campos, propietario do restaurante A Gabeira (Ferrol) e presidente do Grupo Nove. Campos fixo fincapé  na vocación destes chefs de dar a coñecer máis alá das nosas fronteiras a excelente cociña e gastronomía de Galicia e agradeceu a todos os asistentes, patrocinadores e colaboradores a súa contribución esencial no desenvolvemento desta celebración.

Unha presenza fundamental foi a da directora de Turismo de Galicia. Durante a súa intervención, Nava Castro recalcou que “despois de dez anos de traballo e constancia, esta asociación continúa difundindo a cultura gastronómica galega e a cociña de vangarda coa mesma paixón e entusiasmo que ao comezo”. "O Grupo Nove é sinónimo de emprendemento, diferenciación e innovación. Tres palabras clave que caracterizan a todos os integrantes desta asociación que, co seu traballo conseguiron ser un referente empresarial de éxito”, sinalou.

Segundo explicou a directora de Turismo, coa celebración deste aniversario preténdese exaltar a extraordinaria gastronomía galega como elemento vertebrador e como un dos pilares fundamentais da cultura de Galicia, porque a gastronomía é parte da nosa identidade e aínda que evolucione co paso do tempo, non perde a esencia que nos caracteriza.

Para dar maior dimensión a este evento, o Grupo Nove estivo arroupado polos grandes cociñeiros Alberto Chicote, Darío Barrio, Carlos Posadas, Macarena de Castro, Diego Guerrero e Pedro Morán. Todos eles achegáronse a Santiago de Compostela para reforzar coa súa presenza esta festa da gastronomía, na que grazas á alquimia dos cociñeiros do Grupo Nove, a materia prima que é a despensa galega poida despregar todo o seu enorme potencial.

O acto contou co patrocinio de Cruzcampo Gran Reserva e Martin Códax. O evento tamén contou coa colaboración de Cafeneto e Aguas de Mondariz, e coa asistencia de profesionais da alta cociña, representantes de asociacións e grupos gastronómicos, personalidades do ámbito empresarial ligadas ao sector culinario e da alimentación, así como medios especializados e xeralistas, plataformas de difusión do sector gastronómico e os bloggers máis influíntes, ademais de numerosas autoridades procedentes de toda Galicia.

Durante a celebración, os cociñeiros serviron máis de 15.000 racións confeccionadas cos produtos máis representativos da gastronomía galega. As creacións culinarias foron as seguintes: 

YAYO DAPORTA: Fabas pochas estufadas con mexillóns ao pilpil de algas

BEATRIZ SOTELO&XOÁN CRUJEIRAS: Lata de mexillóns, escabeche emulsionado, champiñóns e cebola frita.

ALBERTO GLEZ. PRELCIC: Mazá-fiúncho asada, chocolate negro e sopa de castañas.

TAKY: Tataky de tenreira galega con tomate seco e alfábega

PABLO ROMERO: Crema de queixo, framboesa e crumble de améndoa

ÁLVARO VILLASANTE: ''Ecocaprese'': Xeado de San Simón con tomates mariñados, migas tostadas de pan de San Simón e consomé de tomate con esencia de alfábega.

MIGUEL A. CAMPOS: Filloa salgada rechea de boletus edulis con crema de Arzúa.

JAVIER GONZÁLEZ: Outono: Tabardilla, castaña, abruño

EDUARDO PARDO: Sopa de peixe sapo da avoa Maruja

JAVIER OLLEROS: Bonito curado en auga de mar con salgaduras e tomate aliñado.

ANTONIO BOTANA: Chocos con arroz

IÑAKI BRETAL& ROBERTO FILGUEIRA: Empanada de vieiras

RAFAEL CENTENO: Falsa trufa, queixo do Cebreiro, chocolate branco e vainilla.

HÉCTOR LÓPEZ: Bonito de Burela, perlas de soia, pan especiado e vinagreta de tomate seco.

MANUEL GARCÍA: Vieira mariñada sobre verduras crocantes e aceite de lima.

PEPE SOLLA: Faixiña de nabo e pinto

IVÁN DOMÍNGUEZ: Sopa mareira

XOSÉ T. CANNAS: Sobre unha lima, bonito encebolado, cilantro e cítrico