Celebramos o 150 aniversario de 'Alicia no país das marabillas'

150 aniversario de Alicia no país das marabillas
Santiago de Compostela, 22 de Outubro de 2015

A Cidade da Cultura celebrará o vindeiro 5 de novembro o 150 aniversario dun dos libros imprescindibles da literatura universal: Alicia no país das marabillas de Lewis Carroll. Será nunha nova entrega de Nexos convida..., na que se reciben visitas imprevistas e se conversa con figuras de recoñecido prestixio das letras, as artes e o pensamento. Nexos convida... terá como protagonista desta nova sesión á ensaísta Teresa Barro, autora precisamente da primeira tradución ao galego de Alicia no país das marabillas, publicado en Xerais en 1984 e do que celebramos agora o seu 30 aniversario. 

A escritora e tradutora coruñesa achegarase ao Gaiás para explicarlle ao público as dificultades que tivo para traducir, en compañía do seu marido Fernando Pérez Barreiro, o libro de Lewis Carroll. Polas propias dificultades da linguaxe e sofisticación literaria que presentaba a obra orixinal e pola escasa implantación que a principios dos 80 tiña o galego na sociedade. Un traballo polo que Teresa Barro gañou o Premio Nacional de Traducción de Libros Infantís e Xuvenís. 

Nexos convida a... Teresa Barro terá lugar ás 18:30 horas do vindeiro xoves 5 de novembro na Sala Eisenman. A entrada, como a de todas as sesións de Nexos é de balde, mais é preciso inscribirse previamente. 

Ensaísta e tradutora

Teresa Barro (A Coruña, 8 de marzo de 1936) é dunha das ensaístas máis importantes de Galicia, tal e como demostran os seus traballos Cartas a Rosalía (Ediciós do Castro, 1981), O atraso psicolóxico da Galiza: Cartas a Emilio Pardo Bazán ou Dentro e fóra (2002). 

Residente en Londres desde 1963, Teresa Barro dedicou a súa vida á tradución en diferentes organismos internacionais e é a responsable da tradución ao galego de Alicia no País das Marabillas (Xerais, 1984) e Alicia do Outro Lado do Espello (Xerais, 1985) xunto co seu marido Fernando Pérez-Barreiro; ademais doutros clásicos como Contos de Andersen (O Castro, 1983) e Fábulas de Esopo (Laiovento, 1997).