A partir do vindeiro martes, 1 de setembro, a mostra Camiño. A orixe, en exposición no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura, terá entrada de balde.
A Cidade da Cultura quere convidar a todos os visitantes a gozar dunha selecta escolma de obras de arte e valiosas pezas históricas para descubrir a orixe do Camiño de Santiago, o relato inicial que explica como comezou o que hoxe é un fenómeno universal. Por este motivo, a entrada a Camiño. A orixe será de balde ata o día da súa clausura, o domingo 13 de setembro.
A exposición Camiño. A orixe pode visitarse no Museo Centro Gaiás de martes a domingo de 11 a 20 horas. E para os que queiran coñecer un pouco máis sobre a mostra, o Museo contará con dúas visitas guiadas por xornada: 12:30 e 18:30 horas.
Os que prefiran visitala pola súa conta, recordarlle que o Museo Centro Gaiás dispón dunha aplicación para móbiles e tablets de descarga gratuita, na que poderán descubrir as historias que se agochan tras as obras de arte.
Dirixida por María García-Alén, Camiño. A Orixe busca dar un paso máis na historia da peregrinación a Santiago, ofrecendo un novo discurso que bota a ollada atrás desde unha perspectiva contemporánea. Algo ao que contribúe decididamente o deseño de Irisarri-Piñera, que fai da montaxe unha nova intervención artística que converte o Museo Centro Gaiás nunha paisaxe, unha sorte de bosque galego polo que o visitante debe peregrinar para alcanzar a meta.
A exposición complétase co proxecto Lugares Xacobeos, once intervencións artísticas realizadas por mozos creadores da Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo coas que se busca establecer un diálogo entre o trazado medieval de Compostela e o da Cidade da Cultura ideado por Peter Eisenman.
A eles súmanse os alumnos das Escolas de Arte e Superiores de Deseño de Galicia –Escola Pablo Picasso da Coruña, Escola Ramón Falcón de Lugo, Escola Antonio Faílde de Ourense e Escola Mestre Mateo de Santiago- para a realización de deseños xacobeos exclusivos para a mostra, que estarán expostos na tenda do Museo Centro Gaiás durante os seis meses que a mostra permaneza aberta ao público.
Exposición solidaria
Como xa fixera con Auga Doce, a Cidade da Cultura colabora a través de Camiño. A Orixe cun proxecto de integración social. Neste caso trátase de DisCamino, unha iniciativa que trata de facer realidade o soño de persoas con diferentes discapacidades de peregrinar a Santiago. Neste 2015, tres aventureiros percorrerán a Ruta da Plata en dous triciclos adaptados e guiarán e acompañarán aos membros do Centro de Atención Integral Personalizada (AIP) de Bóveda (Lugo) na súa peregrinación en cadeiras de rodas polo Camiño Portugués.

