'Atardecer no Gaiás' volve este xoves co son intimista de Jay-Jay Johanson e a música de raíz de Caamaño & Ameixeiras

Jay-Jay Johanson e Caamaño & Ameixeiras en Atardecer no Gaiás
Santiago de Compostela, 28 de Xullo de 2021

Atardecer no Gaiás despide xullo con dúas propostas ben distintas pero que comparten a exploración de correntes e tradicións na procura dunha sonoridade inconfundible.

O xoves 29 de xullo, o son delicado, escuro e elegante de Jay-Jay Johanson ecoará na praza central da Cidade da Cultura a partir das 21,00 horas. Vinte e cinco anos despois do seu debut con Whisky, este compositor, produtor e intérprete escandinavo que se fixo un lugar de seu na escena electrónica dos anos 90 e gañou para si o alcume de Sinatra nórdico, estrea novo traballo. Rorschach Test é un álbum especialmente suxestivo e fondamente teatral que xoga coa percepción do ouvinte e o leva a través de diferentes sonoridades e estados de ánimo. O trip-hop que constitúe a base sonora da proposta musical do sueco mestúrase con influencias diversas que transitan polo jazz e a bossa e nos embarcan nunha viaxe de melodías hipnóticas que constitúe unha delicia para os sentidos.

O venres 30 de xullo, o dúo Caamaño & Ameixeiras recupera a esencia da romaría no escenario do Gaiás tamén a partir das 21,00 horas. Co seu disco debut, Aire, engalanan a nosa música de raíz con cores doutras latitudes e arranxos persoais e íntimos para nos embeber do espírito da foliada e a celebración do baile. O álbum nútrese de achegas e colaboracións destacadas como o son as de Sílvia Pérez Cruz, Fetén Fetén, Abraham Cupeiro, Xavi Lozano, Carola Ortiz, Pablo Martín, Apel·les Carod ou El Pana. Nesta ocasión, a voz e violín de Antía Ameixeiras e o acordeón cromático de Sabela Caamaño contarán coa compaña de Antía Muíño e Xavi Lozano.

 ‘Atardecer no Gaiás’

O programa de solpores musicados da Cidade da Cultura propón este ano 16 concertos ao aire libre que se celebran todos os xoves e venres do 8 de xullo ao 27 de agosto. Sons urbanos, trap, indie, pop, reggaeton, electrónica, rock, e música folk e de raíz compoñen unha programación que busca ser un escaparate das tendencias musicais actuais da man de formacións e artistas das contornas galega, estatal, europea e latinoamericana.

Tal e como acontecía en edicións anteriores, Atardecer no Gaiás celébrase na praza central da Cidade da Cultura ás 21 horas. As entradas para cada concerto teñen un prezo de 3 euros e póñense á venda cada semana a través da plataforma web de ataquilla.com

 

 
Jay-Jay Johanson
Atardecer no Gaiás