A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha o V Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’, no que setenta creadores emerxentes terán a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea ao longo de catro días de convivencia e intercambio de experiencias con outros axentes culturais.
Dirixido a mozos nacidos entre 1980 e 1996 (ambos inclusive), o V Encontro de Artistas Novos terá lugar do 7 ao 11 de setembro e poderán optar a unha praza estudantes e licenciados en Belas Artes ou afíns e todos aqueles que demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Seguindo a senda iniciada na anterior edición, vinte das setenta prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos co obxectivo de formular un diálogo entre artistas de varias xeracións nun proceso creativo aberto.
Ademais, o V EAN contará coa presenza dun dos artistas participantes no Encontro que se celebrará por primeira vez fóra do Gaiás: o EAN de Uruguai, que terá lugar en xuño. O participante será elixido de entre os 40 creadores que participen nesta primeira convocatoria en América Latina e viaxará a Galicia grazas a unha bolsa concedida pola Asociación General de Autores de Uruguay (Agadu).
O Encontro de Artistas Novos volve ao Gaiás da man de Rafael Doctor co obxectivo de apoiar o promover o seu labor creativo e o intercambio de coñecemento, seguindo dúas das liñas estratéxicas da consellería que dirixe Román Rodríguez: a aposta pola educación e o coñecemento como eixes do progreso e o benestar.
Encontros con artistas e “art followers”
A Cidade da Cultura de Galicia converterase, do 7 ao 11 de setembro, en escenario de intercambio onde reflexionar sobre aspectos esenciais da creación artística contemporánea e outros máis concretos e relacionados coa construción dunha obra e a súa proxección.
Ademais de favorecer a convivencia entre artistas galegos e procedentes doutros lugares, o EAN favorecerá o debate sobre a situación actual da arte contemporánea e proporcionará un espazo de encontro e intercambio de coñecementos de ideas entre artistas e outros axentes do sector como críticos ou comisarios.
Deste xeito, os participantes poderán entrar en contacto con outras traxectorias e procesos de produción artística a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de recoñecido prestixio nos circuítos nacionais e internacionais da arte contemporánea como Menchu Lamas, Ana Laura Aláez, Damián Ucieda, Aitor Saraiba e Enrique Marty.
Xunto aos artistas, os participantes convivirán con observadores que apoian aos novos creadores e que queren estar ao corrente das novidades do artista emerxente e os seus proxectos artísticos. Paula Cabaleiro, Javier Díaz-Guardiola, Guillermo Espinosa, Ángel Calvo Ulloa e Carlos Copertone serán os críticos ou comisarios que, neste evento, actuarán de “art followers”.
Intervención nas Torres Hejduk
Como xa vén sendo habitual, este V Encontro de Artistas Novos celebrará un Foro Aberto no que todos os participantes terán a posibilidade de realizar unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.
A maiores, a Cidade da Cultura de Galicia abre a posibilidade de que un dos participantes sexa elixido para realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo. Con esta iniciativa, o complexo do Gaiás busca apostar polo talento emerxente no complexo do Gaiás, cedéndolle un espazo expositivo non convencional para que poidan darlle renda solta á súa creatividade.
A metade das prazas para artistas galegos
O V Encontro de Artistas Novos convoca un total de setenta prazas, das que o 50% estarán destinadas aos solicitantes nacidos ou residentes en Galicia e o outro 50% aos solicitantes de procedencia estatal e internacional.
A obtención dunha praza inclúe a matrícula de inscrición, estancia en réxime de pensión completa no complexo do Monte do Gozo de Santiago de Compostela desde o luns 7 de setembro ata o venres 11 de setembro (ambas as dúas inclusive) e transportes diarios desde o Monte do Gozo ata a Cidade da Cultura.
Solicitudes ata o 3 de xullo
Poden optar a unha praza todos os nados entre 1980 e 1996 e que non participaran nas catro edicións anteriores. A convocatoria é aberta e poderán participar tanto estudantes e licenciados en Belas Artes e afíns como todos aqueles que mediante a documentación presentada demostren ter unha traxectoria ou proxecto artístico. Ademais, vinte das setenta prazas dispoñibles estarán abertas a artistas maiores de 35 anos, que deberán cumprir os mesmos requisitos que os emerxentes.
A solicitude deberá efectuarse antes das 15:00 horas do venres 3 de xullo xunto á documentación requerida: boletín de suscrición, fotocopia do DNI ou pasaporte, curriculum vitae abreviado (máximo unha folla), dossier de presentación do traballo artístico en formato papel (máximo 15 follas) e un resumo (máximo unha folla) da presentación a realizar no Foro ao mail encontro@cidadedacultura.org.
O nome dos seleccionados darase a coñecer o xoves 23 de xullo e deberán confirmar a súa participación antes do 31 de xullo. As bases completas do V Encontro de Artistas Novos podedes consultalas na área de descargas, así como o boletín de suscrición.
| 963.13 KB | ||
| 167.48 KB |
