A Xunta e o Musée du Quai Branly de Francia acordan exhibir a finais de outubro na Cidade da Cultura a maior exposición internacional sobre tatuaxe

Santiago de Compostela, 08 de Setembro de 2024

A Xunta de Galicia e o Musée du Quai Branly-Jacques Chirac (Francia) veñen de asinar un acordo para exhibir este outono en Galicia unha das maiores exposicións internacionais sobre tatuaxe. Co título Tattoo. Arte baixo a pel, a mostra explora a historia e simboloxía cultural, social, estética e relixiosa desta práctica e intenta explicar as razóns de que as tatuaxes estean presentes en todas as épocas históricas e zonas xeográficas do mundo.

A proposta, producida polo que é un dos museos franceses máis relevantes, inaugurarase no Museo Gaiás o 24 de outubro e permanecerá aberta ata o 20 de abril. Tras ser exhibida en Francia, Canadá, Estados Unidos, Taiwán e Rusia, chega a Galicia coa colaboración da Fundación “la Caixa”, convertida nunha das exposicións sobre tatuaxe máis completas e atractivas desenvolvidas ata o momento, unha proposta imprescindible para comprender a pulsión que leva ao ser humano a marcar con tinta o seu corpo.

A calidade e beleza das pezas e a acollida do público colleitada ao longo do seu periplo internacional levaron á Fundación “la Caixa” a exhibila nos seus centros e á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude a asinar un acordo co Quai Branly para que tamén Galicia teña a oportunidade de gozar desta proposta.

Tattoo. Arte baixo a pel está comisariada por Anne Richard, destacada axente cultural da arte europea de vangarda e fundadora da influente revista HEY! Modern Arte & Pop Culture. A mostra presenta 240 pezas procedentes de 18 países do mundo entre pinturas, debuxos, libros, modelos en silicona tatuados, ferramentas para tatuar, máscaras, fotografías, selos e nove audiovisuais.  

Con este novo proxecto, a Cidade da Cultura completa o programa de exposicións internacionais de 2024, unha oferta que achegou a Galicia mostras como Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum, con máis de 40.000 visitas, ou Unha vida viquinga, que continúa aberta ata xaneiro e que superou nos dous primeiros meses os 25.000 visitantes.

 
Deseño de tatuaxe nunhas costas masculinas. Filip Leu (nacido en 1967). Suíza, 2018
Máscara de frontón koruru ou parata. Cultura maorí, Nova Zelandia, Século XIX. Musée du quai Branly – Jacques Chirac
Ranshō. Fotografía de Masato Sudō (nacido en 1955). Xapón, 1980-1984
Betty Broadbent. Titine K-Leu (nacida en 1968). Serie «Homenaxe ás iconas da tatuaxe».Suíza, 1998. Pintura acrílica sobre lenzo. Musée du quai Branly - Jacques Chirac