A Xunta dá o visto bo ao Centro de Artes Dixitais de Galicia no Gaiás

Santiago de Compostela, 15 de Xuño de 2023

O Consello da Xunta aprobou hoxe o proxecto para dotar a Galicia do seu primeiro Centro de Artes Dixitais, que será tamén un dos pioneiros en España, ao nivel dos existentes nas grandes capitais. Con este novo equipamento, o Goberno galego pretende posicionar a Comunidade para aproveitar a ventá de oportunidade que ofrecen as artes dixitas como motor cultural e económico, en termos de xeración de empresas innovadoras e postos de traballo, así como ferramenta para preservar e divulgar o patrimonio e contribuír a elevar a calidade do sistema educativo.

Este proxecto non esixe a construción dun novo edificio, senón que se aproveitará a oportunidade que ofrece a existencia de sotos en desuso na Cidade da Cultura, un total de 4.400 metros cadrados. Estes espazos, inicialmente construídos como  aparcadoiros soterrados do que ía ser o Teatro da Música, un dos edificios paralizados no Gaiás, presentan polas súas características arquitectónicas (espazos pechados sen iluminación exterior) a contorna axeitada para este tipo de infraestruturas tecnolóxicas.

O visto bo do Consello da Xunta de Galicia permitirá licitar nas próximas semanas o contrato para a redacción do proxecto, a construción e dirección de obra, co que os primeiros traballos estarán previsiblemente en marcha a finais de ano. Deste xeito, o futuro Centro comezará funcionar na segunda metade do 2025.

Aforro no investimento

A elección da Cidade da Cultura para localizar este proxecto, cun orzamento de licitación de 4,5 millóns repartido en tres anualidades, supón un aforro significativo ao aproveitar un espazo xa construído, evitándose a adquisición dun solar coas características singulares que esixe unha infraestrutura desta natureza. Ademais, o Centro aproveitará as redes tecnolóxicas, enerxéticas, loxísticas e de  seguridade do Gaiás.

Galicia conta neste intre cunha ventá de oportunidade para albergar un centro de referencia no panorama español pioneiro no impulso ás tecnoloxías creativas desde as institucións públicas. Con este novo centro, a cidadanía poderá descubrir proxectos culturais de calidade no eido das artes dixitais e o sector cultural avanzará na súa modernización a través desta aposta co impulso da produción de proxectos propios relevantes. Do mesmo xeito, o sistema educativo contará cunha potente ferramenta para favorecer a creación, mellorando a calidade da formación e inspiración novas vocacións.

A súa localización na Cidade da Cultura permitirá establecer sinerxías con outras infraestruturas tecnolóxicas que se atopan na Cidade da Cultura, como a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) ou o Polo GaiásTech, así como con espazos culturais como o Museo Centro Gaiás, a Biblioteca e Arquivo de Galicia ou a Axencia Galega das Industrias Culturais, institucións  comprometidas coa estratexia de dixitalización da cultura impulsada polo Goberno galego. 

Tanto as características do espazo como a súa localización no Monte Gaiás, súmase á posibilidade de crear deseños específicos para nutrir de contidos o futuro centro. Isto posibilitará, ao seu amparo, incentivar o desenvolvemento de diferentes empresas de base tecnolóxica e crear novas sinerxías. 

Xunto á cultura e ao emprendemento, a tecnoloxía foi desde a posta en marcha da Cidade da Cultura no 2011 unha das súas tres liñas estratéxicas. No seu II Plan Estratéxico, que marca a folla de ruta para o período 2021-2022, a dixitalización figura como un dos eixos de traballo prioritario do Gaiás. Neste senso, a súa programación está xa orientada cara esta dirección con proxectos como Carne y Arena ou o Galiverso