'Verán no Gaiás' convida as familias a gozar de tardes de teatro, contos, maxia e xogos tradicionais na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 20 de Xullo de 2021

A Xunta de Galicia arranca un novo ciclo de actividades para gozar en familia na Cidade da Cultura. 'Verán no Gaiás' programa cinco espectáculos de teatro, obradoiros de contos, circo, xogos tradicionais e maxia da man de diversas compañías e artistas da escena galega.

A entrada é de balde, previa retirada de convites en www.cidadedacultura.gal e con capacidade limitada para cumprir cos protocolos de seguridade sanitaria. As cinco actuacións do programa celebraranse todos os mércores do 21 de xullo ao 18 de agosto en espazos abertos da Cidade da Cultura e no Museo Centro Gaiás.'Verán no Gaiás' conta con financiamento do Fondo de Proxectos Culturais do Xacobeo e co apoio do programa de dinamización lingüística FalaRedes.

Teatro, contos, circo, xogos e maxia para gozar en familia

A compañía galega Inventi Teatro será a encargada de principiar este ciclo de actividades para as tardes do verán con A tropa do Doutor Milagre. Bea Campos, Marcos Alonso e Paulo Medal tecen un delirante espectáculo que o mércores 21 de xullo ás 19,00 horas tornará o Xardín Literario da Cidade da Cultura en escenario dunha auténtica exhibición de teatro ambulante: música, improvisación, xogo, baile, diversión, comedia, maxia e gargalladas para nenas e nenos a partir de catro anos de idade.

O 28 de xullo, o dúo conformado por Vero Rilo e Sonsoles Penadique convidaranos a contar, cantar e xogar para soñar e crecer libres. Traerán ao Gaiás a peza Derriba da lúa, un espectáculo-obradoiro de narración oral e música especialmente pensado para bebés de até tres anos. Faranse dous pases, un ás 18,00 horas e outro ás 19,00 horas.

A compañía La Fiesta Escénica chegará ao Gaiás o mércores 4 de agosto para nos presentar A formiga Icía e convidar a rapazada a tomar parte nun mundo diminuto de abellóns, arañas, formiguiñas e vagalumes no que aprender sobre a amizado, a lealdade, a tolerancia e a responsabilidade cara aos dereitos das outras persoas. A peza, para meniñas e meniños a partir de tres anos desenvolverase na Planta -1 do Museo Centro Gaiás ás 19,00 horas.

O mércores 11 de agosto o Gaiás vira en parque de xogos tradicionais da man de A eira do Paporrubio. Javier Iglesias Rodríguez proporanos un compendio de xogos autónomos e animados de temática agraria co que coñecermos un dos paxaros máis pequenos, rebuldeiros e cantareiros da nosa fauna. Das 18,00 ás 19,30 horas, inclúen actividades teatralizadas e xogos tradicionais. É unha actividade recomendada para nenas e nenos de máis de dous anos de idade.

O Mago Teto pechará o Verán no Gaiás o mércores 18 de agosto con O Camiño do Afiador, un espectáculo de maxia que xira ao redor dunha roda de afiar dos anos 30, herdada polo Mago Teto dos seus ancestros. Tras séculos de viaxes, a roda trae canda si milleiros de historias e aventuras doutros tempos que chegan á escena envoltas do bo facer deste grande ilusionista. Esta última función, ideada para un público a partir de sete anos, comezará ás 19,00 horas.