Unha exposición da obra bibliográfica de Fernández del Riego para festexar as Letras Galegas no Gaiás

Santiago de Compostela, 11 de Maio de 2023

A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura abriu ao público a exposición Francisco Fernández del Riego. A cultura galega como motivo de vida, co gallo da celebración o vindeiro 17 de maio do Día das Letras Galegas dedicadas ao autor. Trátase dunha mostra que repasa, a través de fondos propios da institución, a traxectoria do homenaxeado nas súas diversas facetas como ensaísta, tradutor, editor, articulista ou compilador literario.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, que presentou a mostra, fixo fincapé en que neste 2023 “péchase o círculo no que o home que impulsou a celebración do Día das Letras Galegas é xusto o homenaxeado nesta ocasión”. Como engadiu non hai mellor homenaxe que mostrar “o legado que deixou para a cultura galega e que tan ben podemos visualizar a través desta exposición que abrangue un completo repaso polas súas grandes aportacións en diversos eidos”. No acto tamén interviron a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e Noelia Bascuas, xefa do Servizo da Biblioteca de Galicia.

A exposición recolle 80 pezas, todas elas pertencentes ás coleccións custodiadas no Gaiás. Entre elas atópanse sobre todo libros, xornais e revistas nos que dalgún xeito Francisco Fernández del Riego é o protagonista. Tamén se poden contemplar materiais especiais como son fotografías, marcapáxinas ou CD, que completan o relato sobre a figura do escritor.

A editorial Galaxia e as Letras Galegas

O percorrido pola obra de Fernández del Riego componse de seis vitrinas a través das que se profunda na súa biografía e a súa vinculación co eido literario, a súa estreita relación coa prensa, coa que colaborou durante toda a súa vida —están expostos algúns dos seus artigos nos anos de posguerra e o último que publicou pouco antes do seu falecemento en La Voz de Galicia— e a súa diversa produción, entre ela como ensaísta e autor de ficción.

Entre as publicacións atopamos Cos ollos do noso esprito (editorial Alborada, 1949), o seu primeiro ensaio. Tamén se recollen relatos como San Andrés de Teixido (1993) ou a súa única novela, O cego de Pumardeón (1992).

Un aspecto destacado, ao que se dedican dous expositores con pezas relacionadas, son as súas iniciativas máis persoais. En 1950 iniciou xunto con Xaime Isla o proxecto de creación da editorial Galaxia. Ademais, como membro da Real Academia Galega da Lingua propuxo a celebración do Día das Letras Galegas en 1963. Neste 2023 o pleno da RAG acordou homenaxealo cadrando coa celebración do 60 aniversario do primeiro Día das Letras Galegas e cos cento des anos do seu nacemento.