Rueda lembra a relevancia do Seminario de Estudos Galegos como "un dos grandes alicerces da cultura galega"

Fotos: Rocío Cibes
Santiago de Compostela, 04 de Xullo de 2023

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou esta mañá a relevancia do Seminario de Estudos Galegos como “un dos grandes alicerces da cultura galega” do pasado cuxo legado continúa vixente na actualidade. O titular do Goberno autonómico asistiu á inauguración da exposición Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura coa que se conmemora o centenario da fundación desta entidade e que poderá visitarse na Cidade da Cultura ata xaneiro de 2024.

Rueda salientou o importante labor daqueles rapaces que hai cen anos sumaron forzas baixo a tutela inicial de Armando Cotarelo Valledor para proxectar a cultura galega cara a vangarda europea. O presidente subliñou “o pluralismo e diversidade” desta entidade que se converteu a principios do século XX nun punto de encontro onde falar, dialogar e practicar a tolerancia. “Somos fillos desa luz que eles, os precursores do seminario, acenderon e que aínda hoxe continúa orientándonos neste país tan diferente ao que eles viviron pero, ao mesmo tempo, tan semellante nos valores culturais máis fondos”, destacou.

O presidente, que anima a visitar esta exposición para coñecer mellor a historia destes renovadores da cultura galega, asegurou que a sociedade galega actual bebe do seu legado. Nesta liña, salientou que a Galicia contemporánea sería “menos rica en cultura, menos unida e menos forte” de non ter existido o Seminario de Estudos Galegos e por iso quixo agradecer ao comisario desta mostra, Ramón Villares, por “ser capaz de organizar unha exposición na que podemos ver que a nosa cultura ten moita forza, vén de moi lonxe e ten que chegar moi lonxe”.

 
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes