Preto de 40.000 persoas, en 'Valor e mestría. Galicia como fútbol'

Santiago de Compostela, 02 de Setembro de 2019

Valor e mestría. Galicia como fútbol, exposición da Xunta de Galicia na Cidade da Cultura sobre a historia, fitos e lendas dos 143 anos de historia deste deporte en Galicia clausurouse este pasado domingo tras recibir preto de 40.000 persoas, desde a súa inauguración o 15 de febreiro no Museo Centro Gaiás.

A mostra rexistrou unha importante afluencia de visitantes na súa recta final, especialmente durante a pasada fin de semana. Non en van, Valor e mestría foi a exposición máis ambiciosa realizada ata o momento sobre a historia do fútbol galego. A exposición arrancou en 1876, ano no que se data a primeira referencia o xogo do foot-ball en Galicia –e que algúns historiadores consideran que tamén en España– ata o gol do celtista Iago Aspas no recente Mundial de Rusia.

Ao longo destes 143 anos, o fútbol galego foi protagonista en numerosos momentos estelares. Así, a escolma de pezas desta exposición devolveunos as xestas de equipos como o Racing subcampión da Copa de España, o Pontevedra do Hai que roelo, o Súper Dépor ou do Celta que brillou en Europa; de adestradores como Moncho Encinas, Arsenio Iglesias ou Carriega; e de xogadores como os olímpicos galegos de 1920, Luis Suárez, Amancio, Marcelino, Fran, Borja Oubiña, Iago Aspas, Lucas Vázquez ou Lucas Pérez; ou da nosa futbolista máis internacional, Verónica Boquete, o nome máis representativo da explosión que está a vivir o fútbol feminino galego e que tivo á porteira Irene como pioneira a principios do século pasado.

Facerse eco de todos eles foi o principal obxectivo de Valor e mestría. Galicia como fútbol, organizada pola Xunta de Galicia —coa colaboración da Federación Galega de Fútbol, Secretaría Xeral de Igualdade e LaLiga Santader— e que contou con dous expertos en fútbol galego Xosé Antón Castro Fernández e Rubén Ventureira Novo, como comisarios da exposición.

A mostra reuniu trofeos, medallas, carteis, bandeirolas, bufandas, camisetas, botas, fotografías, vídeos e outro tipo de obxectos. As pezas que compuxeron a exposición foron achegadas por diferentes coleccionistas públicos (30) e privados (60). Así, requiriuse a colaboración dos principais clubs da comunidade —así como da federacións galega— e tamén dos xogadores máis relevantes da historia do noso fútbol ou ben dos seus herdeiros.

Actividades para a dinamizar a exposición

 

A Cidade da Cultura de Galicia preparou ao longo destes seis meses unha ampla e variada programación para arroupar e dinamizar Valor e mestría. Galicia como fútbol. Entre o abano de actividades celebráronse xornadas con experiencias en primeira persoa sobre o fútbol feminino, con clubs pioneiros e tamén unha mesa redonda ao redor do valor deste deporte como ferramenta de inclusión social e de superación persoal.

Ademais, vencelladas con esta exposición, a Cidade da Cultura organizou en marzo, durante semana do ‘Día Internacional da Muller’, visitas comentadas á exposición Valor e mestría, centradas especificamente no papel da muller neste deporte, que tivo como pioneiras a principios do século pasado a famosa porteira Irene e ao equipo Estradense, de Viveiro. Xa en 1981 a formación coruñesa Karbo, foi a primeira en ser campioa de Liga feminina en España; e, na actualidade, contamos como referente do fútbol internacional feminino a galega Verónica ‘Vero’ Boquete. Esta compostelá foi a primeira española en erguer unha Copa da Champions League Feminina.

Protagonista dun campamento urbano de verán


Finalmente, e dentro da programación de Verán no Gaiás, a exposición foi protagonista dun dos campamentos urbanos para a cativada que se celebraron en xullo na Cidade da Cultura. Neste caso, fixéronse xogos e actividades como xincanas e concursos, entre outras que procuraron fomentar valores intrínsecos do deporte como o compañeirismo, solidariedade, igualdade e o respecto entre iguais.

Valor e mestría. Galicia como fútbol enmárcase no obxectivo da Xunta de Galicia de converter o Museo Centro Gaiás no espazo no que amosar as mellores expresións culturais de Galicia, aproveitando a súa forza arquitectónica para albergar proxectos de calado. Actualmente, este Museo exhibe tamén outra grande exposición sobre artesanía galega Pensar coas mans. Cestería, cerámica e xoiería de Galicia.