‘Os brancos segredos do seu ventre’ despídese do Gaiás tras congregar 34.000 visitantes

Fotos: Manuel G. Vicente
Santiago de Compostela, 05 de Setembro de 2021

A Cidade da Cultura despide este domingo a exposición Os brancos segredos do seu ventre, formada por unha selección de 53 obras dos valiosos fondos da Fundación Rosón de Arte Contemporánea (Rac). A mostra, que aínda pode visitarse hoxe domingo ata as 20h da tarde, pecha así unha estancia no Museo Centro Gaiás durante a que preto de 34.000 persoas –cunha media de 230 persoas por día– se achegaron ás obras desta colección privada situada en Pontevedra, que atesoura un dos fondos de creación actual máis relevantes de España.

Comisariada pola crítica de arte Bea Espejo, Os brancos segredos do seu ventre convidaba aos visitantes a un percorrido cromático, da cor branca á negra, a través de fotografías, pinturas, instalacións, figuras ou obxectos cotiás revisionados en uso e dimensións. Todas estas pezas, que foron integrando a colección da Fundación Rac nos últimos 30 anos, puideron visitarse con entrada de balde no Gaiás, coa posibilidade de afondar tamén nesta colección a través dun programa gratuíto de visitas guiadas conducidas polo equipo didáctico do Museo Gaiás.

Na mostra exhibíronse obras de creadores de prestixio internacional como Tracey Moffatt, referente da xeración creativa coñecida como os Young British Artists dos 80-90 xunto a Damian Hirst; John Baldessari, cunha mostra da súa xenialidade na retranca conceptual; Tacita Dean, cunha instalación pictórica de grandes dimensións; David Zink Yi, cunha lura xigante de porcelana enchoupada en tinta; ou Roman Signer, cunha reconstrución dunha casa para facer repensar as connotacións tradicionalmente asociadas, sobre todo as adquiridas tras a pandemia.

Nesta escolma incluíronse tamén artistas españois con repercusión internacional, como Ignasi Aballí —autor do proxecto que representa a España na vindeira Bienal de Venecia —Carmen Calvo, Eulalia Valldosera ou Pepe Espaliú.

Artistas galegos

En canto a presenza de galegos, en Os brancos segredos o seu ventre puideron verse obras de Diego Santomé –coa súa provocadora Derecho a la pereza– xunto a instalacións de Rosendo Cid, Marcos Covelo, Sara Coleman e da recoñecida Ángela de la Cruz, Premio Nacional de Artes Plásticas e candidata aos Turner, os premios de arte máis coñecidos e prestixiosos do Reino Unido que outorga anualmente a Tate de Londres.

Trátase dunha selección plural, que ademais contribúe a situar a arte galega nun contexto internacional, ofrecendo a posibilidade de gozar de arte latinoamericana (México, O Brasil, Chile, O Perú), de Portugal, Suiza, Finlandia ou Sudáfrica, con nomes de referencia, nun diálogo cos artistas máis destacados da arte galega de vangarda.

Deseño expositivo

Ademais do criterio cromático, o deseño da exposición estivo inspirado no propio arquitecto da Cidade da Cultura, Peter Eisenman, quen a través das páxinas da obra mestra de H. Melville, Moby Dick, imaxinou para o Gaiás un museo con “esqueleto de cetáceo”. Deste xeito, deseño expositivo emulou o ventre dunha balea, no interior da cal esta exposición convidaba a que a arte despregase o seu universo de cores. Precisamente, o título da mostra está extraído dunha das pasaxes do capítulo 42 de Moby Dick: Os brancos segredos do seu ventre.

 
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes