A Xunta de Galicia programa na Cidade da Cultura tres concertos para o outono co ciclo Ópticas contemporáneas. A música reborda o pentagrama, que achegan ao público a música clásica desde unha perspectiva moderna. Serán tres actuacións a celebrar nas tardes do domingo 29 de outubro, o venres 3 de novembro e o domingo 26 de novembro.
Ópticas contemporáneas arrinca cunha ópera chegada de Portugal e que se estrea en España. Un riso para chorar reflexiona sobre o poder hexemónico de destrución da memoria e de devastación da terra. Con música e libreto de Miguel Azguime, a peza desenvólvese como un teatro metafísico, entre o riso e o pranto, con cinco personaxes e sete instrumentos acústicos con medios electrónicos en tempo real. Está dirixida por Pedro Neves e conta coas sopranos Camila Mandillo e Andrea Conangla, o baixo barítono André Henriques, o recitador Jade Mandillo, e os músicos de Sond'Ar-te Electric Ensemble.
O programa continúa no venres seguinte, o 3 de novembro, cunha actuación da Real Filharmonía de Galicia. Baixo a dirección de Baldur Brönnimann a agrupación interpreta Flying Pictures, unha composición contemporánea de Vivan e Ketan Bhatti que parte de obra Cadros dunha exposición, de Mussorgsky. O concerto do Gaiás supón a estrea en España desta peza. O domingo 26 de novembro a programación pecha con Federico Albanese, pianista e compositor italiano que chega á Cidade da Cultura cos temas do seu último traballo publicado este ano, Days of Passage. Unha mestura de música clásica, pop alternativo e psicodelia para achegarse ao público seguindo o ronsel de Ludovico Einaudi.
Ópticas para a cativada
Como en ocasións anteriores, este ciclo conta cunha actividade complementaria, de carácter gratuíto, pensada para favorecer a conciliación das persoas adultas que asisten aos concertos no Gaiás. Ópticas para a cativada, no marco do programa Corresponsables no Gaiás, ofrece obradoiros paralelos aos concertos para o público infantil. Os talleres abrirán media hora antes do comezo do concerto e durará ata 15 minutos despois de que remate o mesmo. As persoas interesadas poden reservar praza a través de Ataquilla. As entradas para os concertos poden adquirirse tamén a través de Ataquilla a un prezo de 5 €.
