O Museo Centro Gaiás permanecerá pechado o 25 de decembro e o 1 de xaneiro

Santiago de Compostela, 18 de Xaneiro de 2013

A consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria informa que os vindeiros 25 de decembro e 1 de xaneiro, o Museo Centro Gaiás permanecerá pechado ao público. Durante estes dous días festivos, o visitante non poderá acceder ás exposicións Gallaecia Petrea e Códices. Xoias das Catedrais Galegas na Idade Media. A excepción destes dous días, o Museo Centro Gaiás manterá abertas as súas portas durante todo o Nadal no seu horario habitual: de 11:00 a 20 horas agás os luns que permanece pechado por descanso do persoal.


O complexo da Cidade da Cultura de Galicia permanecerá aberto durante todo o Nadal de 08:00 a 22:00 horas. Non obstante, tanto o 25 de decembro como o 1 de xaneiro, non estará dispoñible o servizo de visitas guiadas de balde que se ofrece de martes a domingo nin se lle permitirá o acceso aos visitantes aos catro edificios que compoñen o Gaiás (Biblioteca e Arquivo de Galicia, Centro de Emprendemento Creativo, Museo Centro Gaiás e Centro de Innovación Cultural). Tan só a Cantina, a cafetería e restaurante do Gaiás, permanecerá aberta no seu horario habitual: de 08:00 a 20 horas.

Programación de Nadal
O resto do Nadal, a Cidade da Cultura de Galicia permanecerá aberta ao público e cun amplo programa de actividades para gozar destas datas en familia. Obradoiros, teatro e música compoñen un completo cartel que pode consultarse en cidadedacultura.org e que arranca este venres 21 cun concerto didáctico dunha das mellores bandas de folk de Galicia: Berrogüetto. Os máis pequenos poderán desenvolver a súa imaxinación e creatividade a través de catro obradoiros Unha árbore de Nadal. Mans á obra!, Os regalos son cousa miña, Enredando con xoguetes tradicionais e Decorando galletas.
 
O teatro  terá cabida a través da función de monicreques O Arxina e o Felo, que se pon en escea este domingo, e as visitas dramatizadas A fala das pedras, coas que descubrir a Historia de Galicia a través da pedra da man dun guía moi especial. A programación de Nadal remata o 3 de xaneiro co concerto solidario Cancións por regalos, no que Zahara, Andrés López de Niños Mutantes, Pablo Castelo e Rubén Castelo de Maryland, Sleeping Cat, Rafa Arcos de Manos de Topo e Wild Balbina ofrecerán unha actuación en acústico a cambio dunha entrada moi especial: o regalo que ti elixas e que será repartido entre os que máis o necesitan pola ONG Iniciativa Social Berce.