O fondo da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, no Arquivo de Galicia

Santiago de Compostela, 09 de Xuño de 2016

Co gallo da celebración do Día Internacional dos Arquivos, o 9 de xuño, instituído pola Unesco hai 68 anos, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o presidente da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago (RSEAP), Juan Bautista de la Salle Barreiro Pérez, asinaron hoxe no Gaiás a acta de entrega coa que se formalizar o depósito do arquivo desta Real Sociedade Económica de Amigos do País no Arquivo de Galicia.

Un depósito –explicou o conselleiro– co que se busca garantir a conservación dos documentos que compoñen o arquivo e a súa posta a disposición de investigadores e cidadáns, “salvagardando a memoria dunha institución única para o estudo da historia de Compostela e Galicia.” Cómpre lembrar que a Sociedade Económica foi o berce da Caixa de Aforros e Monte de Piedade de Santiago –que co tempo se converteu en Caixa Galicia–, do Ateneo de Santiago, a Escola de Artes e Oficios, o Conservatorio de Música, a Escola de Debuxo e outras institucións académicas, benéficas e culturais.

A documentación da RSEAP resulta moi significativa para a investigación histórica pola súa permanencia e dilatada actividade. O fondo histórico depositado abarca un período cronolóxico de dous séculos, entre o 1784 e 1986, e está constituído por un total de 184 unidades de instalación, divididas en 177 caixas e 7 libros de actas, ademais de 35 carpetas de material gráfico. Os seus documentos aportan valiosa información para o coñecemento da historia de Galicia durante os séculos XIX e XX en diferentes disciplinas do saber como a agricultura a gandería, a prensa e a educación.

Xunto con este acto central, no que tamén participaron o alcalde de Santiago de Compostela, Martiño Noriega, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns Álvarez, e diversos membros da directiva da RSEAP, a programación conmemorativa arredor do 9 de xuño inclúe diversas actividades programadas nos distintos arquivos galegos dependentes da Xunta na capital de Galicia, na Coruña, en Vigo, en Pontevedra, en Lugo e en Ourense, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en cultura.gal. Xornadas de portas abertas, visitas guiadas, obradoiros didácticos, conferencias e iniciativas musicais, audiovisuais e teatrais son algunhas das propostas para poñer en valor e difundir entre a poboación o patrimonio documental galego.

Unha mostra sobre o RSEAP

Ademais con motivo deste depósito, o Arquivo de Galicia exhibe durante esta semana unha mostra na que se ofrece unha escolma documental deste fondo. En conxunto, os materiais seleccionados ilustran ao visitante sobre como foi a organización e cales foron as principais actividades desenvolvidas pola sociedade ao longo do tempo.

Os seus primeiros estatutos, o primeiro libro de contas, actas, memorias, estudos e informes sobre os avances máis salientables para a promoción da pesca, a agricultura, a industria ou o comercio, así como debuxos de profesores e alumnos da Escola de Debuxo ou fotografías da Escola de Música, constitúen o groso desta exposición temporal, que se pode ver na Aula 1 do edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura.

Un legado de gran alcance

O fondo depositado está composto, en primeiro lugar, polos documentos producidos polos órganos de goberno da Sociedade, como a Xunta Xeral e as diferentes Xuntas de Clases, constituídas coa finalidade de impulsar e executar as accións encamiñadas ao fomento da Agricultura, Gandería, Industria, Pesca, Comercio e mesmo a Clase de Socias de Honor e Mérito, destinada ao fomento da educación científica, artística e industrial da muller.

Ten especial importancia a documentación relativa ás Comisións encargadas da realización de informes, cos que se materializaban moitas actividades da Sociedade, e a través dos que se poden estudar os avances na agricultura, industria, oficios, etc. Trátase de informes sobre artes de pesca, a salgadura, novos métodos de curtir o coiro, sobre os lignitos das Pontes de García Rodríguez, a mellora do cultivo das vides, a creación dunha Caixa de Aforros ou sobre o Plan xeral de ferrocarril, entre outros.

Finalmente, cómpre salientar a existencia de 35 carpetas de material gráfico da Escola de Debuxo, formada por 176 obras orixinais realizados polos alumnos e profesores nas clases de debuxo artístico e lineal e por material escolar, gravado ou impreso, como láminas, libros de debuxo e cadernos de modelos.

Nova regulamentación dos arquivos

Ao abeiro do novo marco legal, a Lei 7/2014, do 26 de setembro, que define en profundidade os procedementos e funcións e atende, por vez primeira, os novos retos da administración dixital, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria mellorou todos os servizos nos arquivos que dependen dela e que albergan e xestionan un máis de 105 de quilómetros lineais de documentación. Nestes arquivos desenvólvese un labor constante vinculado cos seus fondos documentais e co servizo que estes lles ofrecen á cidadanía e ás administracións.