O Arquivo de Galicia rende homenaxe á bibliotecaria Olga Gallego polo centenario do seu nacemento cunha exposición documental

Santiago de Compostela, 07 de Novembro de 2023

A Xunta inaugurou hoxe no Arquivo de Galicia do Gaiás a exposición Olga Gallego no seu centenario (1923-2023), dedicada con motivo da efeméride á distinguida bibliotecaria e arquiveira, primeira muller en ingresar na Real Academia Galega. A mostra, composta por documentos e publicacións da propia homenaxeada doados á institución, pode verse na Cidade da Cultura ata marzo de 2024.

A exposición repasa a traxectoria profesional e persoal en diversos eidos de Olga Gallego a través dunha selección de 65 pezas entre documentos textuais, fotografías, libros e obxectos. Distribuídas en seis vitrinas, o percorrido vai desde a súa época de estudante na que xa mostraba un grande interese pola historia, especialmente no que se refire á súa terra natal, Ourense, ata os seus traballos como bibliotecaria, arquiveira, investigadora ou académica.

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, destacou durante o acto de inauguración que se trata dun “recoñecemento público a unha figura senlleira no campo da cultura en xeral e dos arquivos en particular, co obxectivo de facer chegar á cidadanía o papel que institucións como os Arquivos representan para o desenvolvemento da nosa sociedade”.

No acto estivo acompañado pola subdirectora xeral de Arquivos e Bibliotecas, Mª Carmen Calviño; pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez; e polo equipo coordinador da exposición, María del Mar García Miraz, Concepción García e Miguel López.

A primeira muller na Real Academia Galega

A totalidade das pezas que compoñen a mostra pertencen ao arquivo e á biblioteca da propia Olga Gallego, que foran doados pola súa irmá Pilar ao Arquivo de Galicia no ano 2012. Grazas a ese material afóndase na figura dunha muller que foi fundamental na arquivística española e iberoamericana no último cuarto do século XX. O seu Manual de archivos familiares continúa sendo hoxe en día unha referencia.

Faise fincapé na súa condición de primeira muller en ingresar na Real Academia Galega. Así, está exposta a publicación As barcas e barcos de pasaxe da provincia de Ourense no Antigo Réxime, que foi o tema do seu discurso de ingreso o 15 de novembro de 1986.

Tamén se pode observar unha curiosa carta de Antonio Meijide Pardo, académico nese momento (1991), pedíndolle a Olga Gallego que delegue o seu voto no caso de non poder asistir á reunión do pleno da institución. Será a encargada, ademais, de redactar o opúsculo que a Real Academia dedicou a Xesús Ferro Couselo na celebración do Día das Letras Galegas de 1996.

Ademais de bibliotecaria e arquiveira (aprobou a oposición ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos en 1958), a mostra afonda na súa faceta de historiadora. Abarcou temas moi variados como a historia económica, social, administrativa e cultural de Galicia. Destaca a dedicación a aquelas cuestións relacionadas con Ourense e a monografía titulada Historia da muller: mulleres ourensás dos séculos XIV-XVIII (2008). Exhíbese tamén, entre outras pezas, un bosquexo coa localización das fortalezas da provincia de Ourense ao que acompañan diversas fotografías de traballo de campo

Olga integrarase no Grupo Marcelo Macías na nova etapa iniciada en 1971, exercendo como secretaria ata 1975 e como presidenta desde 1990 ata o final da súa vida. Comézase a publicar o Boletín Auriense, e os Anexos do Boletín Auriense, onde se recollen traballos monográficos sobre a cultura galega nos que ela participa activamente. Antes, en 1947 publica o seu primeiro artigo Plata labrada que en 1601 había en Orense, que foi o inicio dunha longa relación con este grupo.