O Arquivo de Galicia convida a percorrer a historia do ferrocarril coa exposición 'Sobre dous raís'

Fotos: Óscar Corral
Santiago de Compostela, 29 de Setembro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe na Biblioteca e Arquivo de Galicia a exposición Sobre dous raís: o ferrocarril no Arquivo de Galicia, un percorrido pola historia da vía férrea a través de 59 documentos que inclúen desde fotografías, a expedientes administrativos, correspondencia, billetes de tren ou folletos. A mostra quere ser un convite a coñecer a historia da chegada e o desenvolvemento das liñas ferroviarias en Galicia, e tamén un convite a reflexionar sobre a súa importancia como motor da economía, precisamente nun momento de expectación pola próxima chegada do AVE.

Na súa intervención, o secretario xeral de Cultura louvou o labor que o Arquivo de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, ten desenvolvido ao longo dunha década, “cunha destacada actividade en diferentes ámbitos, e sempre co compromiso da conservación e difusión do patrimonio documental de Galicia, parte fundamental da nosa memoria colectiva”.

Anxo M. Lorenzo quixo lembrar que desde que en 2013 o Arquivo de Galicia organizara a súa primeira exposición, sucedéronse numerosas mostras destinadas a dar a coñecer ao público os fondos custodiados nos seus depósitos, afondando en diferentes temas da nosa historia e patrimonio. “Sobre dous raís é un magnífico exemplo deste traballo, destinado a preservar e poñer en valor documentación que permite rastrexar e comprender fitos da nosa historia como a chegada do ferrocarril, que tamén en Galicia marcaría o devir social e económico da sociedade dos últimos séculos”, sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Da primeira liña férrea á alta velocidade

O desenvolvemento das liñas férreas a partir de comezos século XIX revolucionou o mundo das comunicacións, en estreita relación coa revolución industrial. Mais en Galicia –ao igual que no resto de España– a incorporación desta infraestrutura enfrontouse a diversas dificultades, especialmente de carácter financeiro, o que tivo como resultado que non se inaugurase a súa primeira liña (entre o porto de Carril e a cidade de Santiago de Compostela) ata 1873. Este atraso na introdución da infraestrutura influíu tamén na falta de articulación do territorio e, como consecuencia, no decorrer do desenvolvemento económico do país.

A chegada do tren de alta velocidade a Galicia resulta unha boa ocasión para botar a vista atrás e reflexionar sobre a historia das nosas comunicacións, tomando como punto de partida os testemuños conservados no Arquivo de Galicia.

Deseño e contido expositivo

A mostra artéllase en seis seccións –O comezo da viaxe; Trens con destino a, Vías, viadutos e estacións, O trazado invisible, O impacto económico e Pasaxeiros ao tren!– e a documentación exposta pertence tanto ao fondo documental da Xunta de Galicia como a outros fondos ou coleccións de orixe privada, na actualidade depositados no Arquivo de Galicia. Neste sentido cómpre destacar o fondo da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago de Compostela –depositado por esta institución–, a doazón realizada pola Familia Vilariño Pintos ou os fondos da Casa de comercio e Banca Bengoechea. Pode mencionarse tamén a colección fotográfica Chamoso Lamas, pertencente á Real Academia Galega de Belas Artes Nuestra Señora del Rosario da que o Arquivo custodia unha copia.

A mostra pode visitarse de balde no vestíbulo da Biblioteca e Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura, ata o vindeiro mes de decembro. Está aberta de luns a domingo en horario de 9,00 a 21,00 horas.

 
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral
Fotos: Óscar Corral