'As miradas de Isaac' na Coruña

Santiago de Compostela, 29 de Xuño de 2021

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, convidou hoxe as e os coruñeses a coñecer e recoñecer a contribución de Díaz Pardo á esencia da Galicia moderna a través da mostra As miradas de Isaac.

Durante o acto de inauguración desta exposición na sede de Afundación na Coruña, Feijóo destacou o contido desta exposición itinerante na que, a través de 480 pezas, ponse de manifesto a súa traxectoria e contribución esencial como intelectual, artista e empresario. “Os coruñeses teñen a oportunidade de achegarse a un galego universal, clave para entender a Galicia dos últimos cen anos”, dixo, incidindo no seu compromiso coa Comunidade, co desenvolvemento do seu carácter propio e coa súa cultura.

Ao longo da visita, o titular do Goberno galego afirmou que o carácter itinerante desta mostra encaixa coa personalidade polifacética do seu protagonista, “xa que apenas houbo espazos na intelectualidade, na arte, na industria cultural ou nos asuntos públicos sobre os que Isaac Díaz Pardo non dirixira as súas miradas”, recordou.

Así mesmo, aseverou que con esta mostra os coruñeses homenaxean a un home que tivo unha intensa relación coa súa cidade, xa que foi na Coruña onde se agochou para fuxir da represión que se levou ao seu pai, Camilo Díaz Baliño; onde impartiu clases de pintura e coñeceu á que sería a súa muller, Carmen Arias de Castro; e onde deixou testemuño da súa creatividade co seu emblemático mural no cine Goya ou co monumento aos fusilados en Adormideras.

Feijóo concluíu subliñando que a mostra, que está organizada pola Xunta e se exhibe na cidade herculina en colaboración coa Afundación, estará na cidade ata finais de agosto para continuar a súa andaina por Vigo. Ao respecto, destacou que durante a súa estadía na Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela, recibiu máis de 26.000 visitantes.