Iberdrola financia a nova iluminación das Torres Hejduk do Gaiás, que fará visible a Cidade da Cultura desde varios puntos de Compostela

Santiago de Compostela, 23 de Xullo de 2013

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria celebra o acordo de patrocinio alcanzado coa empresa eléctrica Iberdrola para a iluminación das Torres Hejduk da Cidade da Cultura co obxectivo de poñer en valor o maior complexo cultural de Galicia. Non en balde, o novo alumeado poderá verse desde diferentes puntos de Santiago de Compostela.

O conselleiro de Cultura e Educación, Xesús Vázquez Abad, e o delegado de Iberdrola en Galicia, Francisco Silva, inauguraron hoxe esta nova iluminación nun acto no que estiveron acompañados pola directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González Loroño; e o alcalde de Santiago de Compostela, Ángel Currás.

O proxecto de iluminación das Torres Hedjuk foi financiado e executado integramente por Iberdrola e no seu deseño contou coa colaboración da Cidade da Cultura, que xestionará directamente unha instalación adaptada a cada unha das estruturas, atendendo as diferenzas que marcan os seus materiais: a transparencia da torre de cristal e a calidez da torre de pedra.

Combinación cromática e uso expositivo

A torre de cristal contará a partir de hoxe cunha iluminación LED que, na semana grande de Galicia, contará coa combinación de cores que mellor a representan: azul e branco. A intervención acumulará en total unha potencia de sete quilowatts repartida en varias liñas de alta capacidade. O deseño da iluminación permitirá realizar unha gran gama de combinacións cromáticas, que poderán verse desde distintos puntos de Santiago de Compostela.

Para a torre de pedra, optouse por unha estrutura adosada ao interior do edificio, con carrís electrificados e 24 proxectores LED que fan posible unha iluminación axeitada ao uso expositivo deste espazo, aberto á intervención de diferentes artistas.

A inauguración da nova iluminación das Torres Hejduk estivo amenizada polo grupo de metais Omega Brass Ensemble, integrado polos membros da Real Filharmonía e da Orquestra Sinfónica de Galicia, que interpretarán algunhas pezas de música barroca e contemporánea.

Torres Hejduk

Deseñadas en 1992 polo arquitecto John Hejduk (Nova York, 1929-2000), as Torres Hejduk estaban pensadas para situarse no compostelán parque de Belvís para funcionar como un xardín escultórico-botánico, dando cabida a actividades pedagóxicas.

O proxecto non chegou a materializarse e, tras a morte do seu amigo e compañeiro en The New York Five –grupo que mellor representa o espírito do neorracionalismo arquitectónico-, Peter Eisenman decidiu construílas na Cidade da Cultura, converténdose nun dos símbolos do complexo ademais dun espazo expositivo “non ao uso” e de intervención artística aberto aos máis diversos artistas.

Estreitar lazos para a difusión do Gaiás

Este proxecto de iluminación das Torres Hejduk é un paso máis da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria na súa política de busca de patrocinios para a actividade da Cidade da Cultura e na necesidade de estreitar lazos con entidades privadas para lograr unha maior difusión do complexo.