'Galicia futura' achega á Coruña o seu diálogo entre ciencia, arte e creatividade

Santiago de Compostela, 17 de Xuño de 2022

A Xunta de Galicia e Afundación inauguraron hoxe na Coruña a mostra Galicia futura. Todo o que imos ser, artellada como un diálogo entre arte, ciencia e creatividade que explora o porvir de Galicia a partir do traballo de artistas, científicos e investigadores de vangarda. Trátase dun dos proxectos destacados da programación expositiva do Xacobeo 21-22 desenvolvida polo Goberno galego a través da Cidade da Cultura, onde puido verse por vez primeira para posteriormente itinerar á sede de Afundación en Lugo. Na Coruña pode visitarse desde hoxe ata o vindeiro 30 de xullo, con entrada de balde.

Esta tarde terá lugar a visita inaugural da exposición, coa asistencia do director xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo M. Lorenzo, e conducida polos comisarios, os divulgadores Deborah García Bello (@deborahciencia) e Miguel Ángel Cajigal (@elbarroquista). Previamente, a mostra foi presentada esta mañá aos medios pola directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e o presidente de Afundación, Miguel Ángel Escotet.

Anxo M. Lorenzo fai fincapé no “carácter colectivo dun proxecto expositivo que implica a máis de medio centenar de artistas e científicos e que desde a súa cerna quixo transcender as paredes das salas expositivas e impulsar procesos creativos propios, converténdose nun elemento xerador de actividade no sector cultural en Galicia”. O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades alude así ás diferentes pezas que foron creadas especificamente para este proxecto por unha vintena de artistas das nosas artes plásticas, as letras, o audiovisual, a ciencia, a escena, o deseño ou a música galega. Entre elas atopamos desde unha curta inédita de Oliver Laxe, ao Campo de figos co que a dramaturga Marta Pazos sorprende ás persoas visitantes cunha instalación envolvente sobre feminismo, futuro e identidade.

O diálogo entre diferentes disciplinas artísticas é nexo común a varias das pezas creadas para esta exposición, como é o caso das composicións S/T Paisaxe habitada, unha obra colectiva de tres artistas orixinarios da cidade herculina: o artista plástico Vítor Mejuto, o fotógrafo Damián Ucieda e o realizador Juan Lesta, que mesturando as tres artes reflexionan sobre a paisaxe galega. É tamén o caso doutra das pezas audiovisuais sa exposición que reúne á poeta coruñesa Estíbaliz Espinosa e á realizadora emerxente Lucía Estévez para entretecer a exploración do cosmos coa pintura de Maruja Mallo.

Itinerancia á Coruña

Na presentación de Galicia futura, a directora xerente da Cidade da Cultura lembrou que o percorrido desta exposición por diferentes cidades galegas se enmarca nunha “ampla programación de itinerancias, recollida no II Plan Estratéxico do Gaiás, que só en 2022 está a permitirnos achegar os nosos proxectos a unha decena de vilas e cidades galegas, ademais de París e Madrid”.

Ana Isabel Vázquez agradeceu a Afundación a súa colaboración para que esta mostra poida ser visitada polo público coruñés, “toda vez que a presenza de artistas, científicos e creadores vencellados á cidade herculina é especialmente destacada en Galicia futura”. Ademais dos xa citados, referíase así á participación de nomes como Christian García Bello, as ilustradoras Xulia Pisón, Clara Cerviño e Giovanna Lopalco, ou de centros como o CICA (Centro de Investigacións Científicas Avanzadas) da Universidade da Coruña, que atopamos na mostra a través da perovskiña, un novo material sólido co que se propón revolucionar o futuro da refrixeración.

Comisariado e comité asesor

Deborah García Bello (A Coruña, 1984), @deborahciencia, é química e divulgadora científica. Investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e forma parte do equipo de formación e transferencia científica de L'Oréal. Traballa tamén como divulgadora en diversos programas de televisión e radio a nivel autonómico e nacional.

Miguel Angel Cajigal Vera (A Coruña, 1981), @elbarroquista, é historiador da arte e divulgador cultural. Forma parte do equipo educativo da Fundación Cidade da Cultura e dirixe o Máster en Educación en Museos e Espazos Culturais da Universidad Miguel de Cervantes. É membro do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) e do Consello Internacional de Museos (ICOM) e colabora como divulgador con diversos medios de comunicación galegos e estatais.

O proxecto expositivo contou ademais cun amplo comité de colaboradores, conformado por 19 persoas entre as que se atopan algúns dos artistas e científicos con máis talento de Galicia, desde a científica do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), María D. Mayán Santos, ao director da Cátedra EMALCSA-Universidade da Coruña e catedrático de Química Física da mesma universidade, Moisés Canle López, a cantante e compositora Wöyza, o arquitecto Carlos Quintáns, a chef distinguida cunha Estrela Michelin Lucía Freitas, o CEO e fundador de Torusware, Guillermo López Taboada, ou a deseñadora Nuria Carballo, entre outros.

Máis de 37.000 visitantes

Na Coruña, Galicia futura pode visitarse desde hoxe ata o 30 de xullo, na sede de Afundación no Cantón Grande, con acceso de balde. Está aberta de luns a sábados en horario de 12,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas.

Nas súas estancias en Santiago de Compostela –no Museo Centro Gaiás– e Lugo –na sede de Afundación, onde se exhibiu entre febreiro e abril deste ano–, a mostra recibiu en total máis de 37.000 visitas. Ademais, da man do equipo didáctico da Cidade da Cultura, a exposición desenvolveu un programa de visitas destinadas aos centros de ensino de todos os niveis educativos que permitiu achegar o seu contido a 1.252 alumnos e alumnas de toda Galicia.

 
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Manuel G. Vicente
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes