A Fundación Castelao contará cunha sede no Gaiás onde desenvolverá actividades culturais e divulgativas

Fotos: Rocío Cibes
Santiago de Compostela, 18 de Abril de 2023

A Xunta de Galicia e a Fundación Castelao veñen de ratificar un acordo polo que se cede a esta institución un espazo na Cidade da Cultura para a instalación dunha sede e a realización de actividades culturais e de divulgación ao redor da figura do creador e escritor de Rianxo. O convenio foi asinado hoxe no Gaiás polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez González, e o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane.

O titular de Cultura do Goberno galego remarcou o propósito no que se encadra esta colaboración para “avanzar nun maior coñecemento se cabe do legado dunha das principais referencias intelectuais, literarias e artísticas de Galicia, parte fundamental da nosa historia”, ao tempo que lembrou que coidar e protexer a obra de Castelao para o presente e o futuro “debe ser responsabilidade de todos os axentes culturais”.

Neste sentido, o conselleiro quixo agradecer á Fundación Castelao o traballo que levan desenvolvendo durante case catro décadas na difusión e coñecemento do autor, contribuíndo ao mesmo tempo a fortalecer a lingua e a identidade galegas.

A sinatura deste convenio encádrase nos obxectivos II Plan Estratéxico 2017-2021 da Cidade da Cultura, que se propón “consolidar o Gaiás como rótula do sector cultural galego”, prestando colaboración e soporte a axentes públicos e privados relevantes de Galicia na definición e desenvolvemento das súas iniciativas estratéxicas.

O presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas Seoane, salientou pola súa banda o compromiso da institución que representa para continuar a “achegar a figura de Castelao á cidadanía do mundo, en todos os soportes con todos os medios”.

O acto contou tamén coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; a directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, e a secretaria e a tesoureira da Fundación Castelao, Diana Santiago e Ruth Varela.

A través deste acordo, a Fundación Castelao súmase a outras institucións, asociacións ou entidades culturais que contan cun espazo físico na Cidade da Cultura e que inclúen, entre outras, algunhas seccións da Real Academia Galega e do Consello da Cultura Galega, así como a Asociación de Empresas de Artes Escénicas (Escena Galega), a Federación Galega de Bandas de Música Populares, a Academia Xacobea, a Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil ou a Federación de Libreiros de Galicia.

 
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes
Fotos: Rocío Cibes