Cultura e Educación pon en marcha un espazo de Coworking no Gaiás para potenciar proxectos de Emprendemento no Eido Cultural e Creativo

Santiago de Compostela, 18 de Xaneiro de 2013

A Agadic e a Fundación Cidade da Cultura asinan un convenio polo que ofertan o aluguer de 20 espazos de traballo por 120 euros ao mes por un período inicial de seis meses, prorrogable ata un máximo de tres anos. Esta iniciativa de emprendemento cultural, prevista no Plan Gaiás, ten como obxectivo facilitar a creación e consolidación de proxectos culturais. Esta é a primeira fase dun proxecto de apoio ao coworking e ao emprendemento dentro do eido das industrias culturais que se ampliará en función das necesidades e a demanda . Os interesados poden presentar a súa solicitude a través do web agadic.info, acompañada dunha memoria do proxecto que se pretende levar a cabo.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha o espazo de coworking Emprende Cultura Gaiás, no que profesionais das industrias culturais poderán alugar un espazo onde desenvolver o seu proxecto empresarial. Esta iniciativa de emprendemento, prevista no Plan Gaiás, ten como obxectivo potenciar os proxectos empresariais do eido cultural e creativo.

Para a xestión deste espazo, situado no  Centro de Emprendemento Creativo de Galicia do Gaiás, a  Fundación Cidade da Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) veñen de asinar un convenio que fixa as bases e convocatorias para a selección e seguemento das prazas de participantes no proxecto. Deste xeito, a convocatoria inicial oferta o aluguer de 20 espazos de traballo por 120 euros ao mes máis o IVE correspondente por un período inicial de seis meses, prorrogables por períodos similares ata un máximo de tres anos. Os interesados poden consultar as bases reguladoras destas iniciativa no Diario Oficial de Galicia que se publica hoxe e na propia convocatoria das prazas que estará dispoñible a partir de mañá nos enderezos web agadic.info e cidadedacultura.org

Profesionais das industrias culturais
A estas prazas poden optar profesionais das industrias culturais: deseñadores-ilustradores, profesionais da comunicación, escritores-guionistas, editores, representantes e promotores artísticos, produtores, xestores culturais, programadores de aplicacións informáticas e proxectos culturais na internet e todos aqueles que teñan vinculación co sector cultural. Admitiranse tanto profesionais independentes como emprendedores que se atopen en proceso de constitución de autónomos.

A oferta do espazo inclúe unha mesa de traballo con conexión telefónica e de internet, estante de traballo, servizos comúns (sala de reunións para 10-15 persoas con wifi, proxector…), despacho para reunións, caixa de correo, almacén-taquilla, servizos de seguridade, subministro eléctrico, auga, calefacción e servizo de limpeza. Ademais, Agadic proporcionará inicialmente apoio e asesoramento na creación da empresa e organizará periodicamente exposicións de ideas e proxectos, encontros empresariais, e actividades de formación que apoien o desenvolvemento dos proxectos de emprendemento asentados no espazo Emprende Cultura Gaiás.

Solicitude + Memoria do proxecto
Os interesados deberán presentar unha solicitude dirixida á Axencia Galega das Industrias Culturais seguindo o modelo que estará dispoñible a partir de mañá no web agadic.info. A solicitude deberá ir acompañada dunha memoria do proxecto que se pretende levar a cabo, con especial incidencia dos aspectos innovadores que tal proxecto presenta no eido cultural.

Unha comisión de avaliación, composta por persoal de Agadic e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia e un representante das universidades galegas relacionado con áreas de coñecemento empresarial, avaliará as solicitudes presentadas. No suposto de que o número de peticións exceda o de prazas ofertadas terán preferencia na súa adxudicación os novos proxectos de autoemprego. A comisión non poderá adxudicar máis do 50% das prazas a un mesmo sector e poderá ampliarse a oferta, nun número non superior ao 50% das inicialmente convocadas, coa finalidade de atender a demanda de solicitudes previo aviso na web de Agadic.

Bases reguladoras
Información:
881 995128 de 9 a 14 horas
coworking@cidadedacultura.org