A Cidade da Cultura suspende a súa programación en sinal de respecto coas vítimas e familiares da traxedia de Santiago

Santiago de Compostela, 25 de Xullo de 2013

A Fundación Cidade da Cultura de Galicia expresa o seu pesar a todas as persoas que están a sufrir pola traxedia acontecida en Santiago de Compostela, ao tempo que manifesta o seu agradecemento a todos os que están a traballar na xestión deste accidente e a súa admiración pola resposta da sociedade.

En solidariedade e respecto coa dor das vítimas, dos feridos e dos seus familiares, e tras a declaración de sete días de loito oficial da Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura vén de acordar a suspensión da súa programación cultural. 

Cancelado Gregory Porter e Atardecer no Gaiás

Cancélase, polo tanto, o concerto de Gregory Porter previsto para mañá venres no Museo Centro Gaiás no marco do ciclo “Pel de Galiña”. Do mesmo xeito, suspéndese a actuación de Alberto San Juan programada para o sábado no ciclo “Atardecer no Gaiás”. O Museo Centro Gaiás permanecerá tamén pechado durante a xornada de hoxe, 25 de xullo, polo que non poderá visitarse a exposición "Orinoco. Viaxe a un mundo perdido".

A devolución das entradas, no caso das actividades de pagamento, realizarase a través do mesmo canal polo que cada usuario as adquiriu (web, teléfono ou taquilla na Cidade da Cultura). O canal de venda contactará a partir de mañá coas persoas interesadas.

Máis información na web www.cidadedacultura.org, na páxina de facebook  http://www.facebook.com/cidadedaculturadegalicia ou a través da conta de twitter @cidadedacultura. Ademais, os interesados poderán contactar co Punto de Información da Cidade da Cultura no 881 997584 ou con Servinova no 902504500 ou en www.servinova.com.